Solapas principales

Comeza a funcionar a Entidade Pública Empresarial Augas de Ames

Jueves, 04 de abril de 2024

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da imaxe corporativa da empresa pública empresarial Augas de Ames. Na presentación estiveron o alcalde de Ames, Blas García, o concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Gustavo Nieto, o técnico municipal do Ciclo Integral da Auga, Esteban De la Fuente, e o deseñador da imaxe corporativa, Ramón Cordido, da empresa La Rayuela. A nova imaxe de Augas de Ames será rotulada nos vehículos e nos uniformes do persoal de dita entidade pública. Tamén servirá para as cintas de baliza e outros elementos similares. A protagonista da nova imaxe corporativa é a “A” de Auga, que simula unha gota de auga, e maila cor verde, que é a mesma cor da imaxe corporativa do Concello.

O alcalde de Ames, Blas García, foi o encargado de facer a presentación da imaxe corporativa da empresa pública empresarial Augas de Ames. Antes de falar da nova imaxe corporativa fixo un balance de como está a situación actual da EPEL Augas de Ames.

Blas García indicou “o motivo desta convocatoria é a presentación da imaxe corporativa de empresa de augas e Ames e facer un balance do comezo e posta en marcha da empresa municipal. Como estaba previsto, a empresa iniciou a súa actividade o 1 de abril; todo o persoal da empresa Espina y Delfín pasou a formar parte da EPEL. Subrogáronse 17 persoas, o mesmo número de empregados que estaban a traballar en Espina y Delfín. A EPEL Augas de Ames ten un orzamento para este exercicio de 1.388.050 euros”.

O rexedor municipal tamén explicou que “unha vez iniciada a actividade, o martes 2 de abril pola mañá realizamos unha visita ao persoal para darlle a benvida e para falar con eles e escoitar como está a ser o comezo. A este respecto, quero agradecer o traballo de Esteban, técnico municipal de augas, ao longo de todo este proceso que foi moi longo e laborioso e que dá resposta a unha promesa electoral realizada fai anos, e ao compromiso adquirido cos grupos políticos da oposición no ano 2015”.

A EPEL Augas de Ames dispón dunha páxina web na que se recolle a información relativa ao proxecto e ao funcionamento da propia empresa. O principal obxectivo de dita entidade é facer unha mellor xestión, unha xestión máis positiva para a veciñanza, ao pasar a estar xestionada directamente polo Concello. As instalacións do persoal de obra van estar situadas en Bugallido de xeito provisional. O obxectivo é que no futuro se poida dispor dunha nave que sexa propiedade do Concello.

Oficinas da EPEL Augas de Ames
Para un mellor funcionamento da mesma, así como para que a veciñanza non sufra as molestias derivadas deste cambio, decidiuse conservar as oficinas de persoal administrativo que tiña a antiga concesionaria do servizo, na rúa Agrelo en Bertamiráns, que é un local que o Concello manterá en alugueiro, e na rúa Viorneira, no Milladoiro, que é un local municipal.   

Proceso de elección da xerencia
Na actualidade, estase realizando o proceso de elección da xerencia da empresa municipal de augas. Ata o de agora presentáronse 14 solicitudes, das cales se admitiron 7 por cumprir coa documentación e os requisitos esixidos. Nos vindeiros días farase unha proposta da persoa que se encargara da xerencia, tal e como se acordou no Consello de Administración. A proposta será feita por unha comisión independente formada por 3 persoas: unha secretaria municipal, unha funcionaria dunha Deputación, e o xerente da empresa municipal augas da Coruña. Estes profesionais revisarán os currículos e farán unha proposta da persoa que sairá elixida.

Achegar a auga a todo o rural e ao Milladoiro
Por outra banda, o alcalde dixo que un dos obxectivos deste mandato é iniciar os traballos para levar a rede de abastecemento a todos os núcleos do rural que non dispoñen deste servizo. “Todas as parroquias dispoñen de rede de saneamento e nalgunhas vaise ampliar ou mellorar como é o caso de Loureiros ou en Lens, que se vai facer un forte investimento de máis de 800.000 euros, pero o noso principal obxectivo é levar a auga aos núcleos do rural onde non dispoñen deste servizo”.

“Outro dos obxectivos é que a localidade do Milladoiro e maila súa contorna se poida abastecer a través da captación que facemos do río Tambre. Na actualidade seguimos comprándolle a auga a Santiago de Compostela para abastecer O Milladoiro, porque cando se deseñou a ETAP de Lens non se fixo coa posibilidade de levar auga ata esta localidade”.

Deste xeito, dende o goberno municipal explican que durante este mandato o obxectivo é facer os proxectos e mailos cálculos económicos necesarios para poder dotar do servizo de abastecemento de auga a todos os núcleos do rural e canalizar auga dende a ETAP de Lens ata O Milladoiro. Neste senso o rexedor municipal destacou que “existen uns estudios feitos ao final do mandato pasado nos que se indica que levar a auga ao rural ten un custe de algo máis de tres millóns de euros, e levar a auga ao Milladoiro custa arredor dun millón e medio de euros. Polo tanto o obxectivo deste mandato é iniciar os traballos para facer isto posible”.     

Imaxe corporativa da EPEL Augas de Ames
A imaxe corporativa da empresa pública empresarial Augas de Ames foi elaborada por Ramón Cordido, da empresa La Rayuela. Segundo o seu creador é unha imaxe sinxela e sobria na que se mantén a cor verde, que é a cor da imaxe corporativa do Concello de Ames. Ademais, a protagonista da nova imaxe corporativa é a “A” de Auga, que simula unha gota de auga.

A nova imaxe de Augas de Ames será rotulada nos vehículos e nos uniformes do persoal de dita entidade pública. Tamén servirá para as cintas de baliza e outros elementos similares. A nova imaxe corporativa tamén será trasladada á paxina web, oficinas e aos espazos onde estea a EPEL de Augas de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Augas de Ames arranca con el objetivo de extender la traída a O Milladoiro y al rural"

La Voz de Galicia: "Ames asume la gestión pública del agua con 17 trabajadores"

Lindeiros: "A xestión pública da auga de Ames xa é unha realidade"

Ames Go: "Blas García anuncia o inicio de actividade de Augas de Ames con nova imaxe e o reto do abastecemento de todo o rural e do Milladoiro pola captación propia do río Tambre"

Imaxe da presentación da imaxe corporativa da EPEL Augas de Ames

Multimedia

  • Imaxe da presentación da imaxe corporativa da EPEL Augas de Ames
  • Imaxe da presentación da imaxe corporativa da EPEL Augas de Ames
  • Imaxe da presentación da imaxe corporativa da EPEL Augas de Ames
  • Imaxe da presentación da imaxe corporativa da EPEL Augas de Ames
  • Imaxe corporativa da EPEL Augas de Ames
  • Imaxe corporativa da EPEL Augas de Ames
  • Imaxe corporativa da EPEL Augas de Ames