- Tematica
Dende o pasado xoves está publicada na Plataforma de Contratación do Estado a adxudicación das obras de humanización da N-550 entre os puntos P.K. 67+075 E 68+600, é dicir, a Travesía do Milladoiro. Esta obra será realizada con fondos europeos vinculados ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, Next Generation EU, por un importe de 4.397.960,38 euros, o que significa que a prórroga dos orzamentos do Estado non será impedimento para o financiamento da obra.
Este proxecto foi licitado por 5,1 millóns de euros e adxudicado por 4,4 á Unión Temporal de Empresas de Extraco e Prace, Servizos e Obras, 651.967 euros por debaixo do presuposto máximo establecido.
O alcalde, Blas García, pon de manifesto que “como sempre defendemos dende este goberno, a obra segue adiante, o que indica que por parte do Goberno de España e dende o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana séguese a traballar contra todos os impedimentos que está a poñer a Xunta de Galicia”.
O rexedor tamén adiantou que o Concello de Ames se presentará como parte no proceso contencioso administrativo interposto pola Xunta de Galicia contra a desestimación presunta do requirimento previo efectuado polo ente autonómico contra a resolución do do 30 de xuño de 2023, cando a Dirección Xeral de Estradas aprobou o “Proxecto de Humanización da N-550”.
García por último agradeceu a dilixencia do Ministerio, que colaborou en todo o posible co Concello de Ames para facer posible que este proxecto seguise adiante: “Esto segue, a humanización segue adiante. As 15.00 persoas do Milladoiro que sofren o paso de 30.000 vehículos verán mellorada a súa calidade de vida”.
Esta actuación implica a cesión do tramo unha vez realizadas as obras de acordo coa Orde TMA/1160/2021, do 8 de outubro, pola qu se establece o marco para a celebración de acordos de entrega aos Concellos de vías urbanas da rede estatal.
Descrición das actuacións:
As principais actuacións son as seguintes:
-Humanización da rúa mediante intervencións que propicien una redución da la velocidade de circulación na travesía.
-Reordenación e optimización do espacio público, delimitando claramente o uso e as funcións de cada unha das zonas que debe constituír a rúa.
-Redución dun carril de circulación ao tráfico rodado por cada un dos sentidos cunha anchura de 3,5 metros.
-Construcción de mediana axardinada de 3,3 metros de ancho entre as rúas do Rego e Cartas, e de 2,0 metros de anchura no resto da travesía.
-Execución dun carril bici de dobre sentido de circulación cunha anchura de 2,50 metros, disposto xunto ás beirarrúas e cun espazo de entre 0,50 metros e 0,80 metros de anchura de separación coa calzada. Colocaranse os elementos separadores de carril en caucho con bandas reflectoras, que ademais exercerán a función de protección dos ciclistas.
-Ampliación da sección útil das beirarrúas, previa demolición das actuais, para permitir recuperación de espazo para o peón, adaptándose ao espazo dispoñible e conformando un itinerario peonil accesible, onde a sección útil das beirarrúas non sexa inferior a 4,0 metros.
-Execución dunha glorieta na intersección da rúa Figueiras e a rúa Curuxa, e dunha calzada anular xiratoria na intersección coa rúa Castelao e a rúa Madalena que permitan o xiro cara a esquerda dos autobuses.
-Reordenación de cruces e accesos, disposición de cambios de sentido, inexistentes na actualidade ao longo da travesía, e mellora da comunicación entre ambas as marxes.
-Instalación de pasos de peóns na travesía con semáforos con premedor.
-Demolición da pasarela peonil sobre a N-550, situada no punto quilométrico 67+160, de titularidade do Ministerio, que non se adecúa á actual normativa de accesibilidade e presenta danos debido ao impacto dalgún vehículo. Prevese a súa substitución por un paso de peóns con semáforos e premedor.
-Fresado completo do pavimento de rodadura da calzada e os aparcamentos e extensión de mestura bituminosa en quente, repintado da calzada e adaptación da sinalización horizontal e vertical. Renóvase tamén o pavimento de rodadura das glorietas existentes ao comezo e final da travesía.
-Disposición de zonas de estancia e esparexemento para os viandantes.
-Disposición de zonas de carga e descarga e prazas de estacionamento reservadas.
-Mellora e consolidación dos ámbitos para as paradas de autobús.
-Implantación de árbores ao longo da travesía.
-Reposición das canalizacións afectadas polas obras e as arquetas ou pozos de rexistro danados ou en mal estado.
-Renovación da iluminación pública e resto de obras complementarias.
O obxecto do proxecto é potenciar unha contorna urbana máis sostible, inclusivo e accesible, na liña da Estratexia Estatal polo uso da Bicicleta.