Solapas principales

Aberto o prazo para inscribirse no programa de conciliación Xuño Lúdico 2024

Miércoles, 24 abril, 2024
Ata o 6 de maio de 2024 está aberto o prazo para inscribirse no servizo de conciliación “Xuño lúdico”, que este ano se desenvolverá do 24 ao 28 de xuño. Poderán participar aquelas familias empadroadas no concello de Ames, con nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de educación infantil ou en primaria, e que teñan a necesidade de conciliar. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedor e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). Pódese obter o impreso de inscrición premendo na ligazón ao final deste aviso.

O programa de conciliación “Xuño lúdico” volve neste 2024 para axudar ás familias amesás a compatibilizar a vida laboral e a familiar. Para sumarse ao servizo, cómpre que as nais, pais ou responsables legais acrediten a necesidade de conciliar, e que teñan nenos ou nenas escolarizadas no segundo ciclo de educación infantil ou en educación primaria. Neste senso, os centros educativos nos que se desenvolverá o Xuño Lúdico serán o CEIP da Maía (Bertamiráns) e o CEP de Ventín (O Milladoiro). O programa desenvolverase nos días 24, 25, 26, 27 e 28 de xuño de 2024.

O “Xuño lúdico” oferta os servizos de conciliación habituais nos programas do concello, como o Bos Días e mailo servizo de comedor, co fin de adaptarse ás necesidades de cada familia. Deste xeito, os horarios de entrada dos nenos e nenas poden comezar ás 7:30 ou ás 9:00 horas, cun almorzo opcional para as crianzas máis madrugadoras, mentres que as horas de recollida serán as 14:30 ou as 16:00 horas. Premendo nesta ligazón pódese obter o impreso de inscrición no programa Xuño lúdico 2024.

Lugar de presentación das solicitudes
As solicitudes poden presentarse no rexistro telemático, a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Estas tamén se poden entregar de xeito presencial en calquera das oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello, tanto no Milladoiro como en Bertamiráns; ou a través de calquera outro rexistro ao que se refira o artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.

Unha vez rematado o prazo de inscrición, publicarase a lista provisional de persoas admitidas e excluídas na sección de avisos da web municipal e nas oficinas municipais do Concello, tendo un prazo de dez días hábiles para efectuar reclamacións.

Documentación necesaria
As persoas interesadas deben presentar a seguinte documentación, salvo que xa estea en poder do persoal do departamento de Educación: copia do libro de familia e do DNI do titular da conta, ademais de documentación que indique a ocupación dos pais, nais, ou responsables legais (certificados de traballo e, de ser o caso, certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar). De ser o caso, deberá presentarse ademais, un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. No caso de ruptura familiar, tamén se debe presentar documentación que o xustifique.

Para máis información pódese chamar ao número de teléfono do departamento de Educación, o 981 891 476, ou ben enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.