- Tematica
Hoxe, 25 de abril, os xogadores do Monbus Obradoiro realizaron unha sesión de adestramento no pavillón de Bertamiráns. O adestramento realizouse a porta pechada de 11.00 a 13.00 horas. De seguido, de 13:00 a 14:00 horas, abríronse as portas a todos os afeccionados/as que quixeron acudir a dito adestramento. Ademais, acudiron un gran número de rapaces e rapazas do CEIP A Maía, que se atopa moi preto do pavillón polideportivo. Unha vez rematado o adestramento os xogadores e técnicos asinaron autógrafos e fixéronse fotos cos afeccionados/as.
Este xoves, 25 de abril, o Monbus Obradoiro cambiou o seu lugar habitual de traballo e trasladouse ao pavillón polideportivo de Bertamiráns. A realización de dito adestramento en Ames enmárcase dentro do acordo subscrito entre o Concello de Ames, o Monbus Obradoiro e maila Fundación Obradoiro, para que o equipo filial, que compite na liga EBA, se denomine Obradoiro Ames e dispute os seus encontros como local no pavillón municipal do Milladoiro.
O equipo do Monbus Obradoiro ofreceu unha parte da xornada de adestramento aberta ao público á que acudiron un gran número de rapaces e rapazas do CEIP A Maía, que se atopa moi preto do pavillón polideportivo. O adestramento tamén estivo aberto a todos aqueles veciños/as do concello de Ames que non se quixeron perder esta experiencia no pavillón municipal.
Os xogadores agradeceron o apoio que lles brindaron os afeccionados e afeccionadas de Ames. Ao remate da sesión de traballo, todos os asistentes puideron baixar á pista para pedir autógrafos e falar cos xogadores. Esta foi a segunda ocasión na que o Monbus Obradoiro se achegou a Ames para realizar unha sesión de adestramento. Previamente, en maio de 2023, xa estiveron no pavillón do Milladoiro, sede do equipo filial do club que milita en Liga EBA: o Obradoiro Ames.
A concelleira de Deportes, Susana Señorís, agradece a boa disposición do Monbus Obradoiro que por segundo ano consecutivo realizou unha sesión de adestramento en Ames. “Este tipo de actividades permiten crear afección polo deporte e neste caso polo baloncesto. Sempre é un pracer que os veciños e veciñas poidan acudir a un adestramento dun equipo profesional como é o Monbus Obradoiro e que poidan falar e facer fotos cos seus xogadores favoritos”.
O Concello de Ames terá representación no próximo partido que o Monbus Obradoiro xogará na Caldeira. Alí haberá afeccionados de Ames para apoiar ao equipo compostelá no encontro da xornada 32 ante Morabanc Andorra, o sábado 4 de maio, ás 20:45 horas.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "O Obradoiro prepara a súa visita ao Real Madrid cun adestramento en Bertamiráns"
Ames Go: "O Monbus Obradoiro realizou unha sesión de adestramento en Bertamiráns"