- Tematica
O Club de patinaxe Sarela, de Bertamiráns, e o Club de patinaxe artística Omega, do Milladoiro, organizan o vindeiro sábado, 1 de xuño, a décimo terceira edición do Encontro de patinaxe artística das escolas deportivas municipais do Concello de Ames. O evento desenvolverase en horario de mañá no pavillón municipal de Bertamiráns. O programa inclúe exhibicións dos clubs de patinaxe amesáns, que realizarán distintas coreografías. Este evento conta coa colaboración do Concello de Ames a través da Concellería de Deportes.
O pavillón municipal de Bertamiráns acollerá este sábado 1 de xuño o XIII Encontro de patinaxe artística das escolas deportivas municipais do Concello de Ames, un evento deportivo no que participaron as rapazas e rapaces das escolas de patinaxe artística de Ames. Ao longo da mañá realizarán diversas coreografías grupais nas que interpretarán diferentes ideas e amosarán ao público o aprendido ao longo do curso 2023 – 2024.
As portas do pavillón abriranse ás 10:45h e o encontro dará comezo ás 11:10 horas coas dúas primeiras exhibicións dos clubs de patinaxe de Ames: o CPA Omega, cun espectáculo de Antía Ramos, da categoría cadete amateur; e o CP Sarela, que contará coa actuación individual de Uxía Aniceto, da categoría rexional benxamín.
A continuación terá lugar a exhibición dos grupos de iniciación, que incluirá a actuación de catro conxuntos: o grupo de Barouta, con “O lago dos cisnes”; os grupos 1 e 4 de Bertamiráns, con “Carapuchiña Vermella” e “A banda das bandidas”, respectivamente; e os grupo 0 do Milladoiro, con “Unha historia memorable: César contra os galos”.
Posteriormente haberá dúas novas exhibicións individuais: a de Lucía País, do CPA Omega, da categoría rexional infantil; e a de María Peña, do CP Sarela, da categoría nacional sénior.
Xa ás 12:10h desenvolverase a exhibición dos grupos intermedios: os grupo 2 e 3 de Bertamiráns, con “Construtoras históricas” e “Sororidade”, respectivamente; e os grupos 1 e 2 do Milladoiro con “Lograrán perpetrar o roubo?” e “África Masái”, respectivamente.
Para rematar, actuarán Thalía Rama, do CPA Omega (categoría nacional cadete); e o cuarteto Kalahari, do CP Sarela (cuarteto nacional). Finalmente, haberá unha entrega de medallas e diplomas ás patinadoras e patinadores participantes no encontro.