Solapas principales

O XXI Certame Literario de Ames xa ten gañadores e gañadoras

Lunes, 03 de junio de 2024

A Concellaría de Normalización Lingüística acaba de publicar a listaxe de persoas gañadoras da vixésimo primeira edición do Certame Literario de Ames. Neste 2024 acadáronse altas cifras de participación cun total de 179 traballos, 12 máis que o ano anterior e 27 máis respecto do 2022. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición foron Sica Romero, Ismael Ramos e Nazaret López; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual. A entrega de premios terá lugar o sábado, 8 de xuño, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. Preme aquí para consultar a acta da reunión do xurado, cos nomes das persoas premiadas e os títulos das obras.

O xurado da vixésimo primeira edición do Certame Literario de Ames, nunha xuntanza celebrada o 29 de maio, acordou de maneira unánime os textos gañadores de poesía e narrativa do concurso. Nesta edición recibíronse traballos de toda Galicia e doutros puntos máis afastados da nosa xeografía.

Os traballos gañadores proceden dun total de 11 concellos distintos, espallados por toda a xeografía galega. Entre a listaxe de obras premiadas atópanse textos procedentes de Ames, Vigo, A Coruña, Santiago de Compostela, Cambados, Santa Comba, Brión, Nigrán, A Laracha, Allariz e Lugo. No concello amesán quedan dous galardóns: o terceiro premio da primeira categoría na modalidade de poesía e o primeiro premio da terceira categoría na mesma modalidade de poesía.

Premiados/as no certame
As nove persoas premiadas na modalidade de narrativa foron Mencía Naz Martín, Ana López Canosa e Daniel García Fernández, na primeira categoría; Nuria Lourido Romar, Amalia Blanco Pose e Anxo Pérez Prego, na segunda categoría; e Fernando Redondo Neira, Héctor Cajaraville Araújo e Pedro Naveira Pedreira, na terceira categoría.

Na modalidade de poesía, as persoas galardoadas foron Arwen Fernández García, Marcos Iglesias Lista e Moira Rivero Rodríguez, na primeira categoría; Mariña Souto Pazó, Anxo Pérez Prego e Claudia Caamaño Rama, na segunda categoría; e Mario Sanfrutos Carreras, María Comesaña Besteiros e Alberte Momán Noval, na terceira categoría.

179 traballos presentados
A categoría con maior participación foi a sección para persoas maiores de 18 anos na modalidade de poesía, á que se presentaron 64 traballos. Na mesma franxa de idade na modalidade narrativa recibíronse 57 obras. Nas outras dúas categorías de poesía, dirixidas a persoas de menos de 13 anos e a autores e autoras de entre 14 e 17 anos, recibíronse 21 e 11 textos, respectivamente. Do mesmo xeito, na categoría de narrativa nesas mesmas franxas de idade, presentáronse 11 e 14 traballos, respectivamente. En total, participan no concurso 96 textos poéticos e 82 textos narrativos.

Dende o Servizo de Normalización Lingüística amosan a súa satisfacción porque o certame se volva a situar, un ano máis, como un concurso de referencia para moitos autores e autoras en lingua galega e porque acade, de novo, altas cifras de participación.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Redondo Neira e Mario Sanfrutos gañan o Certame Literario de Ames"

AmesGo: "Fallou o xurado do XXI Certame Literario de Ames"

As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición foron Sica Romero, Ismael Ramos e Nazaret López