- Tematica
Este domingo 16 de xuño, o pavillón do CEIP Agro do Muíño acolleu a clausura do programa Amessán 2023-2024, no que de outubro a maio unhas 775 persoas maiores de 60 anos e persoas con discapacidade funcional, participaron nunha ampla oferta de actividades saudables. A través deste programa, promovido pola Concellería de Benestar Social e Voluntariado, impartíronse diversos cursos e actividades en Bertamiráns e no Milladoiro, así como nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tapia, Tarroeira, Trasmonte e Oca. Ademais, xa está aberto o prazo para participar no campamento sénior Amessán durante o mes de xullo.
O programa Amessán, dirixido a persoas de 60 anos en diante, é unha iniciativa de envellecemento activo conformada arredor de obradoiros e ocio saudable. A programación deste ano incluíu obradoiros de manualidades, de memoria e de “fío e agulla”, así como de música tradicional galega. Tamén se ofertou ximnasia terapéutica, clases de guitarra e canto coral. Por outra banda, volvéronse a impartir actividades de musicoterapia, bailoterapia ou o baile en liña, novidades das anteriores edicións que tiveron gran éxito.
Durante o curso 2023-2024, de outubro a maio, participaron un total de 775 persoas maiores de 60 anos e persoas con discapacidade funcional. Houbo unha participación media de 20 usuarios/as por actividade.
A concelleira de Benestar Social, Uxía García, explica que “o programa Amessán é un dos programas que mellor funcionan dos organizados polo Concello de Ames. Ten varias vertentes, sendo a máis destacada de todas elas o envellecemento activo. A intención desta Concellaría é espallar as actividades por todo o municipio, por iso durante este curso abrimos outro grupo na parroquia de Tapia. Agora para o mes de xullo dispoñemos do campionato sénior, que no que teñen preferencia os/as usuarios/as do programa Amessán”.
Ao longo do curso, no marco do programa Amessán celébranse diferentes eventos especiais, que se suman ás actividades habituais do programa. Deste xeito, ao longo deste período 2023-2024, celebrouse unha foliada de Nadal e unha festa de Entroido. Na liña destas celebracións eventuais do Amessán, e coincidindo co remate desta edición do programa, celebrouse unha festa de clausura.
Festa de clausura do programa Amessán
Este domingo 16 de xuño, o pavillón do CEIP Agro do Muíño acolleu a clausura do programa Amessán 2023-2024. En dita festa actuaron o coro de Bertamiráns, o grupo de música tradicional e mailo alumnado de guitarra. Tamén houbo unha actuación musical a cargo de Luis Rey. Durante este tempo, acompañadas por Luis Rey, os grupos de baile realizaron coreografías de baile. Por último, houbo un desfile de creacións “Agulla e fío” amenizado por Luis Rey.
Campamento sénior Amessán
Por outra banda, por cuarto ano consecutivo a Concellaría de Benestar Social e Voluntariado organiza durante o mes de xullo o campamento sénior Amessán 2024, que está dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas en Ames. As actividades desenvolveranse en horario de mañá os martes e xoves do mes de xullo. Haberá actividades deportivas adaptadas, xogos, excursións, andainas e moio máis.
Xa está aberto o prazo de inscrición. Para elo hai que enviar un correo electrónico a voluntariado@concellodeames.gal ou chamar ao número de teléfono 662 377 044. Terán preferencia no proceso de inscrición as persoas que participaron no programa Amessán ao longo do curso 2023-2024.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Los mayores de sesenta se suman al envejecimiento activo y Amessán llega a su fin con 775 usuar