Solapas principales

Os clubs e entidades deportivas de Ames ofrecen nove campus e campamentos para este verán

Martes, 18 de junio de 2024

Ames acollerá ao longo deste verán 9 campus e campamentos deportivos, organizados por clubs e entidades deportivas locais coa colaboración do Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes, e da Deputación da Coruña. Deste xeito, a rapazada amesá poderá escoller entre propostas de fútbol, patinaxe, atletismo, fútbol sala ou baloncesto, con propostas para idades dos 4 aos 18 anos, de xuño a setembro. Todas as iniciativas que comprenden a oferta contribúen á conciliación e á aprendizaxe dos valores do deporte.

A Concellaría de Deportes do Concello de Ames e a Deputación da Coruña colaboran un ano máis na organización dunha serie de campus e campamentos deportivos no período estival, co fin de promover a práctica do deporte e ofrecer máis opcións de conciliación ás familias amesás, nun período marcado polas vacacións escolares da rapazada. En total ofertaranse nove actividades, con franxas de idade diversas e con opcións en cinco disciplinas deportivas: fútbol, patinaxe, fútbol sala, atletismo e baloncesto.

Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu a presentación deste conxunto de propostas para verán. Ao acto acudiron; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o técnico de Deportes, Alberto Viaño e representantes das distintas escolas e clubs que organizan os campus deportivos.  

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, aproveitou a presentación para agradecer aos clubs as distintas iniciativas para que a rapazada poida practicar deporte durante o verán, e sinalou que “estes campus non son só para practicar deporte, senón para poñer en valor a amizade, o compañeirismo e continuar coas rutinas que se levan a cabo durante todo o curso”. Explicou tamén que “por mor das obras nos pavillóns, houbo que cambiar a localización dos campus” e salientou que outros dos obxectivos fundamentais destes campamentos é “facilitar a conciliación das familias durante as vacacións de verán”.

Campamentos de fútbol e fútbol sala
Nesta serie de campamentos de verán, o fútbol é o deporte con maior número de propostas. Haberá tres campus de fútbol campo e un de fútbol sala, que se desenvolverán durante os meses de xuño e xullo, con opcións para rapaces e rapazas de entre 4 e 16 anos. O primeiro deles será o Campus de fútbol Milladoiro SD, que se desenvolverá do 1 ao 26 de xullo, de luns a venres, e en horario de 9:00 a 14:00 horas. Orientado a crianzas de entre 4 e 16 anos, terá lugar no campo de fútbol municipal do Milladoiro. Para máis información e para inscribirse, pódese acceder á paxina web do Milladoiro SD.

Por outra banda, do 24 ao 28 de xuño e do 1 ao 5 de xullo desenvolverase o XII Campus de fútbol Bertamiráns FC (das 9:00 ás 14:30 horas). Neste caso, será para nenos e nenas de entre 4 e 15 anos, e levarase a cabo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. Para obter máis información e inscribirse pódese entrar na páxina web do club Bertamiráns FC. As inscricións están abertas ata o 21 de xuño.

Así mesmo, o RC Deportivo da Coruña organiza o seu campus de verán do 15 ao 19 de xullo, para nenos e nenas entre os 6 e os 14 anos. Desenvolverase no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, de 10:00 a 14:00 horas. Pódese obter máis información ou inscribirse escribindo ao enderezo electrónico deporcampus@rcdeportivo.es ou a través da web do RC Deportivo. As inscricións están abertas ata o 9 de xullo ás 14:00 horas.

Por outra parte, volve un ano máis o Campus de Verán Santi Valladares, do FC Meigas e das EFS Trasgos. Desenvolverase en horario de 9:00 a 14:30 horas; do día 1 ao 19 de xullo. Está orientado á rapazada de entre 4 e 14 anos, e desenvolverase na área deportiva de Bertamiráns. Pódese obter información e realizar a inscrición a través da páxina web do FC Meigas.

Campamentos de patinaxe
Ademais, os dous clubs de patinaxe de Ames manteñen un ano máis a súa oferta para os meses de verán. O campamento de verán de patinaxe do CPA Omega, dirixido a rapazada de entre 4 e 16 anos, arrincará o 1 de xullo, e desenvolverase ata o día 31 do mesmo mes. Será de 8:30 a 14:30 horas. Terá lugar na área deportiva do Milladoiro. Para máis información e inscricións pódese escribir a info@cpaomega.es. As inscricións están abertas ata o 30 de xuño.

Pola súa banda, o Campamento de verán Patinaxe Sarela desenvolverase en dúas quendas: do 15 ao 31 de xullo e do 1 ao 15 de agosto, sempre de 8:30 a 14:30 horas. Desenvolverase no polideportivo do CEIP de Barouta, para nenos e nenas de entre 5 e 17 anos. Pódese obter máis información e realizar a inscrición a través do enderezo electrónico clubdepatinaxesarela@hotmail.com.

Campus de atletismo
O atletismo tamén aparecerá por partida dobre no verán amesán. O Campus de atletismo Ames Atletismo ofrece unha opción para a rapazada nada entre o 2009 e o 2019. Ofertaranse tamén dúas quendas. A primeira delas abarca os días 24, 25, 26, 27, 28 e 29 de xuño; e a segunda, os días 2, 3, 4, 5, 6 e 9 de setembro. O horario será de 8:30 a 14:30 horas. Desenvolverase no centro de lanzamentos  de Biduído. Para máis información e inscricións pódese escribir ao enderezo amesatletismo@gmail.com.

Doutra banda, no oferta de campamentos de verán estará presente tamén o IX Campus de Atletismo Millaraio, que ocupará en dúas quendas a área deportiva do Milladoiro. A primeira destas quendas abarca os días 25 ao 28 de xuño; e a segunda, do 2 ao 10 de setembro. O horario será de 8:30 a 14:30 horas. Diríxese á rapazada nada entre os anos 2011 e 2017. Pódese obter máis información ou realizar a inscrición pódese acceder á páxina web do Atletismo Millaraio. As inscricións para a primeira quenda pecharon o pasado 16 de xuño, e as da segunda quenda están abertas ata o 24 de agosto.

Campus de baloncesto
Por último, a oferta de campamentos deportivos inclúe o VII Campus de verán Basquet Ames, que achegará o baloncesto aos nenos e nenas nados entre 2008 e 2018. O campus desenvolverase do 24 ao 28 de xuño, en horario de 9:00 a 14;30 horas, na área deportiva do Milladoiro. Para máis información e inscricións pódese consultar a web do Basquet Ames. Ofértanse un total de 60 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Presentan los campamentos deportivos de verano en Ames"

El Correo Gallego: "Vida sana y conciliación en Ames con nueve campus y campamentos de básquet, fútbol, atletismo y patinaje"

Os clubs e entidades deportivas de Ames ofrecen 9 campus e campamentos este verán

Multimedia

  • Os clubs e entidades deportivas de Ames ofrecen nove campus e campamentos para este verán
  • Os clubs e entidades deportivas de Ames ofrecen 9 campus e campamentos este verán
  • Os clubs e entidades deportivas de Ames ofrecen 9 campus e campamentos este verán
  • Os clubs e entidades deportivas de Ames ofrecen 9 campus e campamentos este verán