Solapas principales

O plan de prevención de incendios forestais de Ames servirá como modelo para outros países da Unión Europea

Viernes, 12 de julio de 2024

O Concello de Ames vén de recibir unha boa nova. O plan de prevención de incendios forestais mediante a plantación de frondosas caducifolias, que se puxo en marcha no ano 2017, foi validado polo Interreg Europe como unha Boa Práctica e isto significa que servirá de modelo para mostrarlle a outros países o que se está facendo no noso concello. O plan xa está publicado en Interreg Europe Policy Learning Platform como unha Boa Práctica. O plan de medidas preventivas mediante a repoboación con frondosas caducifolias do Concello de Ames nace coa finalidade de poñer en mans dos veciños, unha vez cumprida a lei, unha ferramenta que lles permita repoboar a súas fincas colaborando ao tempo coa prevención de incendios e evitando a diminución drástica da superficie arborada do concello e a conseguinte perdida de diversidade. Actualmente, estase executando a sétima fase de dito plan no ámbito 34 de Cruxeiras, que afecta a 350 parcelas. A superficie destas parcelas ascende a 66,07 hectáreas, das cales 28,44 hectáreas son superficie de xestión.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, presentou o plan de prevención de incendios forestais mediante a plantación de frondosas caducifolias como Boa Práctica no 1º Seminario temático internacional do proxecto Green Infrastructure for Forest and Trees (GIFT).  En dito seminario presentouse este proxecto, que comezo a executarse no 2017, xunto cun vídeo explicativo do plan municipal de prevención e defensa contra incendios. Esta semana o Concello recibiu a boa nova de que dito plan foi validada e publicada en Interreg Europe Policy Learning Platform como unha Boa Práctica.

O concelleiro de Xestión do Medio Natural, Atención ao Rural, Transparencia e Patrimonio, Javier Antelo, destacou que “é un logro moi importante conseguir validar e publicar o noso plan de prevención de incendios forestais en Interreg Europe Policy Learning Platform porque vai a servir como modelo para outros países europeos. É un recoñecemento ao traballo que se leva facendo dende 2017 a través de dito plan e que sobre todo pon o foco nas actuacións de prevención, mediante a plantación de frondosas caducifolias, para evitar lumes forestais. É fundamental traballar na prevención para ordenar o noso monte”.

O alcalde de Ames, Blas García, destaca que “Ames conta dende hai sete anos cun plan de prevención e defensa contra lumes forestais, baseado na repoboación de faixas secundarias con árbores frondosas caducifolias. Deste xeito, o Concello busca, ademais de afastar posibles incendios dos núcleos de poboación, recuperar a calidade do solo e aminorar a perda de biodiversidade, ocasionada pola tala masiva nestes espazos de contención. Este plan xorde a finais do ano 2016, despois dos graves incendios sufridos no concello en anos anteriores, como unha aposta por un modelo que dotase de maior seguridade ao noso entorno a través do aproveitamento das faixas secundarias”.

Plan municipal de defensa fronte incendios forestais
A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, establece as redes de faixas secundarias de xestión de biomasa como unha das medidas preventivas que faciliten a loita contra o lume. Segundo a última revisión dos datos incluídos no plan municipal de defensa fronte incendios forestais do Concello de Ames, levada a cabo no ano 2019, o municipio amesán conta cun total de 1.372 hectáreas onde, segundo a normativa vixente é obrigado que se cumpran os criterios de xestión da biomasa e en máis da metade deixar libre das especies pirófitas da disposición transitoria terceira. Tendo en conta que a superficie total do concello de Ames é de 9.400 hectáreas, as 1.372 hectáreas a xestionar supoñen un 14,6 % do total.

O plan de medidas preventivas mediante a repoboación con frondosas caducifolias do Concello de Ames nace coa finalidade de poñer en mans dos veciños, unha vez cumprida a lei, unha ferramenta que lles permita repoboar a súas fincas colaborando ao tempo coa prevención de incendios e evitando a diminución drástica da superficie arborada do concello e a conseguinte perdida de diversidade.

En decembro de 2017 o pleno do Concello de Ames adoptou, por unanimidade, o acordo para a aprobación do plan de medidas preventivas fronte incendios forestais mediante plantación de frondosas caducifolias na rede de faixas secundarias de xestión de biomasa do Concello de Ames. Isto supuxo o comenzo dun plan cuatrianual, recentemente renovado, no que o Concello asume no seu orzamento a dotación dunha brigada composta por un capataz e dous peóns durante 5 meses ao ano así como una asignación económica para realizar os traballos de plantación.

O Concello de Ames prioriza o fomento de plantación de frondosas caducifolias, entre as que destacan ameneiros, pradairos, bidueiros, freixos, castaños, cerdeiras, carballos, sobreiras, aciñeiras, abeleiras, faias, umeiros, loureiros, sorbas, noceiras ou érbedos, en aquelas parcelas tipificadas como de risco alto ou moi alto. Concretamente definíronse 59 ámbitos de actuación para levar a cabo este plan de prevención. Este plan municipal foi medrando grazas a concienciación da veciñanza e a súa participación. Lévase a cabo a través dun sistema mediante o que se subvenciona por parte do Concello de Ames o 80% dos gastos xerados pola plantación de frondosas caducifolias. Os propietarios/as das faixas teñen que achegar o 20% restante.

Nova fase en Cruxeiras
No pasado mes de xaneiro de 2024 presentouse unha nova fase de dito plan na que se vai actuar no ámbito 34 Cruxeiras. Actuarase en faixas de xestión de biomasa, faixas de xestión de vivendas e faixas de xestión illadas. Dito ámbito contempla 350 parcelas. A superficie das parcelas ascende a 66,07 hectáreas, das cales 28,44 hectáreas son superficie de xestión.

Histórico do plan de prevención
O plan comezou cun proxecto experimental sobre 37 terreos da parroquia de Piñeiro, concretamente nos lugares de Rúa, San Mamede e Covas; nos que se plantaron 815 árbores nunhas 1,9 hectáreas de 33 propietarios e propietarias que se adheriron ao programa.

Na segunda fase, déuselle continuidade aos traballos realizados na primeira fase actuando no ámbito 27 que comprende os lugares de Balindo, Fernande e Vilaverde, na parroquia de Piñeiro. Ademais, actuouse nos ámbitos 4A e 4B de Aldea Nova e Os Batáns e no ámbito 25 que se corresponde con A Folgueira e Mercuto, na parroquia da Ameixenda. Nesta ocasión, actuouse en 5,7 hectáreas, unhas 76 parcelas, con 44 persoas propietarias implicadas e 1.570 árbores autóctonas plantadas.

Xa na terceira fase, rematáronse os ámbitos 4A e 4B que comprenden o Monte de Outeiro e Pena Amarela, en Aldea Nova e Os Batáns. Do mesmo xeito avanzouse no ámbito 9 que inclúe Ventosa, O Lombao e a urbanización do Bosque Animado, na parroquia de Covas. Neste período 2018–2019, traballouse en 3,4 hectáreas, con 514 árbores distribuídas entre 34 parcelas de 30 persoas adheridas ao plan.

A cuarta fase, correspondente ao período 2019–2020, Medio Ambiente presentou actuacións para rematar o ámbito 9, e incorporou os ámbitos 37 de Frenza – Vilouta, na parroquia de Tapia e 55 Montemaior, na Ameixenda. O balance final deste período foi de 806 árbores frondosas plantadas ao longo de 4,7 hectáreas.

Na quinta fase do plan de prevención contra lumes forestais que se corresponde co período 2021–2022 rematáronse os traballos pendentes no ámbito 55 e 9 coa plantación de 1.136 árbores en 48 fincas. Na sexta fase executáronse os traballos de plantación no ámbito da Condomiña e da Tarroeira, na parroquia de Ortoño. Plantáronse 897 plantas en 36 fincas.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames se convierte en un referente europeo en materia de prevención de incendios forestales"

La Voz de Galicia: "Ames logra el aval del Interreg Europe para su plan de árboles bomberos"

O plan de prevención de incendios forestais de Ames servirá como modelo para outros países da Unión Europea

Multimedia

  • O plan de prevención de incendios forestais de Ames servirá como modelo para outros países da Unión Europea
  • O plan de prevención de incendios forestais de Ames servirá como modelo para outros países da Unión Europea
  • O plan de prevención de incendios forestais de Ames servirá como modelo para outros países da Unión Europea
  • O plan de prevención de incendios forestais de Ames servirá como modelo para outros países da Unión Europea
  • O plan de prevención de incendios forestais de Ames servirá como modelo para outros países da Unión Europea