- Tematica
Por cuarto ano consecutivo o Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, organiza durante o mes de xullo o campamento sénior Amessán 2024, que está dirixido a persoas maiores de 60 anos empadroadas en Ames. As actividades de dito campamento realízanse os martes e xoves de cada semana. Participan unhas 130 persoas que realizan diferentes actividades de envellecemento activo. Todos os xoves visitan diferentes vila galegas. Os días 4 e 11 de xullo visitaron a cidade de Pontevedra e Oleiros.
O campamento sénior Amessán 2024, que está dirixido a persoas de 60 anos en diante empadroadas en Ames, estase desenvolvendo durante o mes de xullo nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. Nesta cuarta edición participan 130 persoas repartidos en dous grupos: un no Milladoiro e outro en Bertamiráns. As actividades de dito campamento realízanse os martes e xoves de cada semana, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Ditas actividades son impartidas polos mesmos monitores que o programa Amessán.
Os martes impártese actividade física e actividade cognitiva. Deste xeito, dentro das actividades terapéuticas ao aire libre os/as participantes participan en andainas por Bertamiráns e O Milladoiro, realizan actividades de ximnasia terapéutica nas prazas, paseos, etc. Estas actividades realízanse en espazos exteriores: Pazo da Peregrina e parque do Ameneiral, en Bertamiráns, e praza de Manuel Murguía e contorna da piscina municipal, no Milladoiro.
Ademais, participan en actividades cognitivas: actividades de activación de memoria, de relaxación e xogos de cooperación. Estas actividades impártense en instalacións pechadas: na Casa dos Maiores do Milladoiro (antigo centro de saúde) e na Casa do Maiores de Bertamiráns, situada na praza da Maía.
Por outra banda, os xoves os/as usuarios/as do campamento sénior participan en actividades fóra do concello para coñecer diferentes vila galegas. Deste xeito, os días 4 e 11 de xullo visitaron a cidade de Pontevedra e Oleiros. Percorreron estas localidades para coñecer os seus lugares máis emblemáticos.
A concelleira de Benestar Social, Igualdade e Voluntariado, Uxía García, destaca “a gran participación que ten este verán o campamento sénior do programa Amessán no que participan 130 persoas. Trátase dun programa dirixido a persoas de máis de 60 anos. O obxectivo é que os nosos maiores pasen un verán entretido visitando diferentes vilas e cidades galegas e tamén que continúen realizando diferentes actividades de envellecemento activo. Así dáselle continuidade ao programa Amessán durante o mes de xullo”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "El campamento sénior de Amessan cumple cuatro años con 130 participantes"