- Tematica
O Concello de Ames ofrece unha ampla programación municipal de campamentos para este verán. A través deste programa ofertáronse 500 prazas repartidas entre 13 campamentos con estadía nocturna, que se desenvolven en distintas datas entre o 23 de xuño e o 2 de setembro. Ademais, organizáronse dúas quendas para participar no campamento urbano da Aula da Natureza, entre o 1 e o 26 de xullo. Este ano cubríronse o 98% das prazas ofertadas, con 490 usuarios/as inscritos/as das 500 prazas existentes.
O servizo de campamentos de verán 2024 está dirixido á rapazada que cursa educación infantil, primaria, secundaria e bacharelato. O obxectivo desta programación é proporcionar unha oferta lúdica e formativa de desenvolvemento persoal que busca proporcionar aos nenos/as e mozos/as as ferramentas precisas para lograr a súa autonomía e independencia, así como fomentar a convivencia, a cooperación, o respecto. Ademais, facilitan o contacto co medio rural, o deporte e a cultura.
O alcalde de Ames, Blas García, acompañado da concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, e do concelleiro de Xestión do Medio Rural, Javier Antelo, visitaron aos rapaces e rapazas que están participando no campamento da granxa escola El Kiriko, en Fornelos de Montes, do 14 ao 17 de xullo. Ademais, visitaron as instalacións do Cámping Paisaxe II, situado no Grove, onde tamén acudiron mozos e mozas de Ames.
O alcalde, Blas García, explica que “os campamentos de verán é un dos programas municipais que mellor funciona todos os anos. A través desta iniciativa os rapaces e rapazas poden pasar uns días de diversión e ocio en contacto co medio natural e coa praia e maila piscina. Ao mesmo tempo permítelles establecer novas amizades e ter unha experiencia diferente que lle axuda no seu desenvolvemento persoal”.
A concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, destaca que este servizo tamén “busca facilitar a conciliación das familias durante as vacacións de verán”. Ademais, agradeceu o traballo das técnicas de Mocidade e Xestión do Medio Rural, “que fan posible esta programación un ano máis”.
Por outra banda, o concelleiro de Xestión do Medio Rural, Javier Antelo, sinala que un dos obxectivos do servizo de campamentos municipais é “fomentar a convivencia, a cooperación e o respecto entre o rapaces, ademais do achegamento á natureza”.
Campamentos de educación infantil e primaría
A Concellaría de Medio Ambiente, a través da Aula da Natureza, ofrece 10 campamentos para rapaces e rapazas de educación infantil e primaría, nos que participan un total de 380 usuarios/as. Deste xeito, 12 nenos e nenas de 5º e 6º de educación infantil participaron no campamento da granxa escola de Bergando (Negreira), entre o 4 e 6 de xullo. A este mesma granxa escola de Bergando acudiron 16 rapaces e rapazas de 1º de primaria, entre o 1 e o 3 de xullo.
Por outra banda, 40 nenos e nenas de 2º de primaria poderán gozar dunhas xornadas na granxa-escola Corazón de Carballo (Tomiño), do 22 ao 24 de xullo. Para ese campamento había 35 prazas dispoñibles e ampliouse a 40 usuarios/as. Ademais, 31 rapaces e rapazas de 3º de primaria viaxaron ata a granxa escola El Kiriko (Fornelos de Montes) do 14 ao 17 de xullo.
Xa no segundo ciclo de primaria, 48 rapaces e rapazas de 4º de primaria participaron no campamento Alvarella (Fragas do Eume), do 25 ao 29 de xuño. Para este campamento había 40 prazas dispoñibles e ampliouse o número de participantes ata 48 usuarios/as. A rapazada de 5º de primaria foi ao Cámping O Terrón (Vilanova de Arousa), do 1 ao 6 de xullo. Neste campamento participaron 52 rapaces e rapazas. Para este campamento había 40 prazas dispoñibles e ampliouse o número de participantes ata 52 usuarios/as. Ademais, 56 rapaces e rapazas de 6º de primaria participaron divididos en dúas quendas no campamento na praia de Patos (Nigrán). Na quenda do 23 ao 28 de xuño participaron 27 usuarios/as e na quenda do 30 de xuño ao 5 de xullo participaron 29.
Para nenos e nenas de 8 a 14 anos desenvolverase unha segunda quenda no campamento Alvarella (Fragas do Eume) entre o 19 e o 21 de xullo, no que participarán 25 nenos e nenas. Para este campamento había 20 prazas dispoñibles e ampliouse o número de participantes ata 25 usuarios/as. Cómpre engadir que do 28 de agosto ao 2 de setembro celebrarase unha segunda quenda do campamento na granxa escola El Kiriko, que está dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 14 anos. Cubríronse as 40 prazas dispoñibles.
Campamento urbano
Ademais, a Aula da Natureza organiza dúas quendas para o seu campamento urbano, que está dirixido a rapaces e rapazas de 6 a 16 anos. A primeira quenda realizouse do 1 ao 12 de xullo, mentres que a segunda quenda estase desenvolvendo do 15 ao 26 de xullo. Participan 30 nenos/as por quedan. Ofertábanse 25 prazas por quenda e ampliáronse ata 30 usuarios por quenda.
Os rapaces e rapazas dos campamentos urbanos da Aula da Natureza participan en diversos obradoiros de eido ambiental e en saídas para descubrir as posibilidades que ofrece a natureza. Así mesmo, organízanse diversas xornadas lúdicas para os rapaces e rapazas.
Campamentos para a mocidade
Por outra banda, a Concellaría de Mocidade ofrece 3 campamentos para rapaces e rapazas de educación secundaria e bacharelato, nos que participan un total de 110 usuarios/as. O alumnado de 1º da ESO están no campamento Abrente, en Portonovo (Sanxenxo), do 13 ao 19 de xullo. Cubríronse as 35 prazas ofertadas.
Para a rapazada de 2º da ESO organizouse un campamento no cámping praia América (Nigrán), entre o 7 e o 13 de xullo. Neste caso tamén se cubriron as 35 prazas ofertadas. Por último, 40 rapaces e rapazas 3º e 4º da ESO e bacharelato participaron no campamento do Cámping Paisaxe II, situado no Grove, tamén do 7 ao 13 de xullo.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Ames cubre con medio millar de jóvenes el 98% de su oferta de campamentos estivales"