Solapas principales

Apróbase a concesión de 80.000 euros en axudas para asociacións e club deportivos

Miércoles, 24 de julio de 2024

A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado 18 de xullo a concesión de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo por clubs e asociacións deportivas de Ames no exercicio 2023. O importe das subvencións que se van a conceder ascende a 80.000 euros chegando ao 100% do importe dedicado a esta liña de axudas. Un total de 20 entidades beneficiaranse destas subvencións municipais, que buscan achegar a práctica deportiva ao maior número de veciños/as posible, así como promover unha vida deportiva estable dentro do concello. Os clubs e entidades deportivas beneficiarias teñen de prazo de xustificación das axudas ata o 31 de xullo de 2024.

O Concello de Ames aprobou o reparto de 80.000 euros entre as asociacións e clubs deportivos do municipio. A estas subvencións puideron optar todas as entidades do concello de Ames que realizaran actividades de índole deportiva. En total, foron 20 entidades as que cumpriron coas condicións e que obtiveron a axuda, que tamén se puido destinar a sufragar a adquisición de material inventariable.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destaca que “os principais obxectivos destas axudas son achegar a práctica deportiva ao maior número posible de individuos, empregando para isto aos colectivos existentes no concello, como mellor instrumento para acadar este fin. Tamén se pretende crear unha vida deportiva estable dentro do municipio, programada e desenvolta polas entidades do ámbito privado, e na que a administración municipal represente un papel secundario, tanto na elección do tipo de actividades a desenvolver, como na súa posta en práctica e no seu financiamento”.

Ademais, búscase a participación activa dos/as veciños/as na actividade deportiva, que ten un claro interese público, como medio de promover a formación dos máis novos/as e de propiciar a convivencia entre os veciños e veciñas; así como poñer a disposición do Concello información completa e actualizada das asociacións sen ánimo de lucro do municipio, co fin de promover unha relación fluída cas mesmas e posibilitar o deseño de políticas eficaces que permitan dinamizar a actividade dos particulares que resulte complementaria das competencias municipais.

Asociacións e clubs beneficiados
As entidades que se beneficiaron da concesión destas axudas son Ames Atletismo, con 7.399,96 euros; Veteranos Bertamiráns, con 948,71 euros; CB Ames, con 893,99 euros; AD Val da Maía, con 2.419,22 euros; Motoclub Ameixenda, con 2.514,09 euros; Club Deportivo Rutas a Pie, con 1.423,07 euros; Escola de Fútbol Sala Trasgos, con 3.889,72 euros; Club Atletismo Sar, con 3.842,29 euros; Fútbol Club Meigas, con 5.976,89 euros; Club de Patinaxe Sarela, con 6.071,76 euros.

Por outra banda, reciben subvención o Club de Patinaxe Artística Omega, con 6.546,12 euros; AD Básquet Ames, con 7.067,91 euros; Club Atletismo MillaRaio, con 8.000 euros;  Club de piragüismo Ribeiras do Tambre, con 6.166,63 euros; Biduído SR, con 1.375,63 euros; O4S Rutas-Bike, con 948,71 euros; Club TK Denodo, con 7.257,65 euros; Sociedade de caza e pesca Azor, con 2.466,65 euros; Escola de Karate Dokkodo, con 3.083,32 euros; e Club balonmán Alca, con 1.707,68 euros.

Apróbase a concesión de 80.000 euros en axudas para asociacións e club deportivos