Solapas principales

Execútanse obras de mellora nos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro por valor de 263.551 euros

Viernes, 26 de julio de 2024

Na actualidade estanse executando obras de mellora nos pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro por valor de 263.551,59 euros. As obras de reparación da cuberta do pavillón polideportivo de Bertamiráns foron adxudicadas á empresa Excavaciones y Transportes Ivanca SL por un importe total de 169.050,59 euros. Por outra banda, as obras para realizar melloras térmicas e acústicas no pavillón polideportivo do Milladoiro foron adxudicadas á empresa Kaizen Management SL por 94.501 euros. Ditas obras teñen o obxectivo de mellorar estas instalacións municipais que  son moi empregadas por asociacións e clubs deportivos ao longo de todo o ano. Os proxectos son sufragados a través do POS+ 2021 e 2022.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, explica que “estas obras son moi importantes porque van paliar certas deficiencias que tiñan os dous pavillóns municipais dende hai tempo. Estas instalacións municipais son moi empregadas por asociacións e clubs deportivos ao longo de todo o ano, polo que é necesario que estean nas mellores condicións posibles. No pavillón de Bertamiráns nunca se fixo unha reparación importante na cuberta. Debido a iso trátase dunha obra importante e moi necesaria na que se executará un cambio total da cuberta. No pavillón do Milladoiro vaise a mellorar a acústica da instalación así como a sensación térmica”.

Reparación da cuberta do pavillón de Bertamiráns
As obras de reparación da cuberta do pavillón polideportivo de Bertamiráns foron adxudicadas á empresa Excavaciones y Transportes Ivanca SL por un importe total de 169.050,59 euros. Estas obras están sufragada a través do POS+2022. O polideportivo de Bertamiráns presenta algunhas deficiencias provocadas polo paso do tempo, tales como humidades ou filtracións de auga, que dificultan o uso das instalacións en épocas de chuvia. Para solucionar estes danos, vaise rehabilitar de xeito integral o sistema de cubrición do edificio, renovando toda a envolvente metálica que conforma a cuberta e parte das fachadas, e substituíndoa por unha nova de panel metálico.

Así, este novo sistema de cuberta estará formado por un panel nervado de aceiro galvanizado e prelacado en poliéster polas dúas caras, de 0,5 milímetros de espesor polo exterior e de 0,4 milímetros polo interior, e con illamento de poliuretano de 30 milímetros de espesor. Este sistema irá acompañado da colocación de tapaxuntas de aceiro e doutros elementos de fixación. Do mesmo xeito, en cuberta instalaranse tamén paneis translúcidos de policarbonato polivalente alveolar de 30 milímetros de espesor e con protección UV polo exterior. Estes paneis acompañaranse tamén de tapaxuntas e grampas de suxeición.

Por outra banda, na fachada colocaranse paneis de chapa simple de 0,6 milímetros de espesor, de aceiro galvanizado e prelacado con acabado de resina en poliéster siliconado polo exterior, previa instalación dunha estrutura auxiliar realizada en omega de 30 milímetros. Tamén se procederá á execución de remates e dos elementos de fixación necesarios. Para a evacuación das augas pluviais procederase á colocación dun caleiro de 0,6 milímetros de espesor de aceiro galvanizado e prelacado con acabado en resina de poliéster siliconado e colocado sobre soportes. Así mesmo, instalaranse baixantes de PVC de 125 milímetros de diámetro cos seus correspondentes elementos de fixación e abrazadeiras galvanizadas.

Renovación das condicións térmicas e acústicas do pavillón do Milladoiro
Por outra banda, as obras para realizar melloras térmicas e acústicas no pavillón polideportivo do Milladoiro foron adxudicadas á empresa Kaizen Management SL por 94.501 euros. Estas obras están sufragada a través do POS+2021. O proxecto de mellora recolle que o edificio presenta un bo estado de conservación, se ben se detectan algunhas fisuras e desconchados puntuais na parte inferior dos paramentos verticais. Así mesmo, puntualízase que o peche exterior carece de illamento.

Deste xeito, procederase ao trasdosado interior dos paramentos verticais que delimitan a pista deportiva, así como o do paramento que se sitúa baixo as gradas, co obxectivo de crear unha unidade ben definida esteticamente e de aumentar o confort acústico. Neste senso, levaranse a cabo diversas obras. Por unha banda, o desmontado de todo tipo de obxectos e instalacións de superficie nos paramentos verticais nos que se vai intervir. A continuación, a reparación do revestimento de enfoscado danado, previo picado do mesmo e posterior enfoscado maestreado e fratasado.

Tras a retirada parcial do alicatado na primeira planta, procederase ao acondicionamento definitivo dos paramentos verticais interiores, empregando un trasdosado de taboado, realizando o revestimento perimetral de todos os ocos existentes mediante taboleiros de madeira termotratada e instalando outro trasdosado, que se situará enriba do estrado de madeira ata o remate do peche do bloque. Finalmente, repoñeranse os obxectos e instalacións previamente desmontadas.

Imaxe de arquivo do pavillón do Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe de arquivo do pavillón de Bertamiráns