- Tematica
Hoxe venres, 2 de agosto, comezan dez días de festas en Ames. O programa “Ames en festas 2024” comeza no Milladoiro, co inicio das festas da Madalena, que se prolongarán ata o martes 6 de agosto. Hoxe dende ás 19.00 horas celebrase a décimo terceira edición do Millarock nos escenarios do anfiteatro do Milladoiro e do aparcadoiro de Travesía do Porto. As festas da Madalena continuarán coa actuación das orquestra Metrópolis, Combo Dominicano, Panorama e Gran Parada. Mañá sábado, arredor das 22.30 horas, na Travesía do Porto, antes de comece a actuación da orquestra Metrópolis, farase o pregón de inicio das festas de Ames a cargo de Alberto Gómez, presidente da Confraría da Madalena do Milladoiro.
Os dous núcleos principais de Ames, O Milladoiro e Bertamiráns, celebran por terceiro ano consecutivo, despois de facelo en 2022 e 2023, as súas festas da Madalena e da Peregrina de xeito conxunto, nunha programación de 10 días dende o venres 2 ata o domingo 11 de agosto. “Ames en Festas” é o nome deste cartel, no que colaboran o Concello de Ames, as comisións de festas da Madalena e da Peregrina e a Xuntanza de Empresarios de Ames. As mellores orquestras de Galicia estarán en Ames durante este mes de agosto.
Millarock, primeiro día de Ames en Festas
Este ano vólvese a xuntar neste festival a destacadas bandas de rock galego, cun cartel no que se citan os grupos Dakidarría, Agoraphobia, Biribirlocke e Onda Dagda. As actividades darán comezo hoxe pola tarde no anfiteatro do Milladoiro, cun concerto didáctico ás 19:00 horas, e o obradoiro “Sube e Toca” ás 20:00 horas. Estas actividades estarán organizadas pola Escola A Casa do Rock. De seguido, ás 21.00 horas, tamén no anfiteatro do Milladoiro, actuará o grupo amesán, Onda Dagda. A partir das 22.00 horas o Millarock cambiará de escenario. Biribirlocke, Agoraphobia e Dakidarría actuarán no escenario montado no aparcadoiro da Travesía do Porto.
Obradoiros de circo en familia
Por outra banda, hoxe pola tarde de 17.00 a 19.00 horas, na área deportiva do Milladoiro, vaise a ofrecer unha actividade de circo en familia. Estes obradoiros completan a programación das festas da Madalena. A compañía Pistacatro produtora de soños será a encargada de poñer en marcha no Milladoiro unha Escola de Saltimbanquis para coñecer todos os segredos do mundo do circo.
Pregón de inicio das festas
Este ano como novidade haberá dous pregóns, un de inicio nas festas, no Milladoiro, o sábado 3 de agosto a cargo de Alberto Gómez, presidente da Confraría da Madalena do Milladoiro; e outro de peche das festas, en Bertamiráns, o domingo 11 de agosto durante a sesión vermú, que ofrecerá Elvira Tresguerras e o Fútbol Club Meigas.
O pregón de inicio das festas será mañá sábado, arredor das 22.30 horas, na Travesía do Porto, antes de comece a actuación da orquestra Metrópolis. Alberto Gómez, veciño e natural do Milladoiro, falará da súa experiencia como membro da comisión de festas da Madalena. Contará diferentes anécdotas de cando lle tocou organizar as festas do Milladoiro. Tamén falará dos seus recordos sobre estas festas e do que progresou a localidade do Milladoiro, e por conseguinte as súas festas, dende hai anos ata a actualidade. Farao dun xeito distendido, con alegría e con moito humor.
Cartel das festas da Madalena
O sábado 3 de agosto contarase coa actuación da Requinta da Amaía, a orquestra Metrópolis e maila discoteca móbil Euforia. Para o domingo 4 de agosto está prevista a actuación de Airiños do Paseo de Colón xunto coa Banda de música de Brión, o Combo Dominicano e a discoteca móbil Impacto. O luns 5 contarase coa actuación da orquestra Panorama e maila discoteca móbil CDC. As festas da Madalena pecharanse o martes 6 de agosto coa actuación da orquestra Gran Parada.
Festa infantil para a rapazada
Ademais, dentro do programa de Ames en festas vanse celebrar dúas festas infantís dirixidas aos nenos e nenas e ás súas familias, que se enmarcan dentro da programación das festas do Milladoiro e de Bertamiráns. O martes, 6 de agosto, no parque verde central do Milladoiro (que se atopa ao carón do pavillón polideportivo e da piscina descuberta) vaise celebrar unha festa infantil con diferentes actividades pensadas para os rapaces e rapazas.
Prohibicións de estacionamento
Por outra banda, tendo en conta as actuacións que se realizarán con motivo da celebración das festas da Madalena no Milladoiro, infórmase a través dun bando municipal da prohibición de estacionamento dende o venres 2 de agosto de 2024 ata o mércores 7 de agosto de 2024 nas seguintes rúas:
-Rúa Travesía do Porto, dende o cruce coa rúa Cereixos ata o cruce coa rúa Pardiñeiros.
-Rúa Agriños (incluíndo aparcadoiro) ata o cruce coa avenida Muíño Vello.
Ademais, haberá cortes de tráfico puntuais na rúa Cereixos e desvío de tráfico.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Alberto Gómez pregona las Festas da Madalena en O Milladoiro"
La Voz de Galicia: "Parroquias de Santiago y de Ames celebran este domingo fiestas patronales"
La Voz de Galicia: "La Panorama actúa en O Milladoiro"
El Correo Gallego: "En marcha la semana de ‘troula’ en Ames con pregón, procesión y verbena en la Madalena de Milladoiro"