Solapas principales

A amesá Verónica Fernández proclámase campioa de España de Boxeo Elite

Domingo, 11 de agosto de 2024

A finais do pasado mes de xullo, a boxeadora amesá Verónica Fernández participou no Campionato de España de boxeo elite. Fernández, que actualmente adestra no Club Antelo Team do Milladoiro, proclamouse campioa desta categoría tras derrotar na final á cántabra Paola Benavides. 

Do 15 ao 21 de xullo celebrouse en León o Campionato de España de boxeo elite, e a deportista Verónica Fernández tivo a oportunidade de participar nesta competición por primeira vez da man da Selección Galega. Esta boxeadora, natural da parroquia amesá de Oca, pasou directa á final, na que se enfrontou a Paola Benavides, a quen derrotou en tres asaltos cunha puntuación de 4-1,4-1 e 5-1.

Fernández leva boxeando máis de dous anos e, aínda que debutou en novembro do ano pasado, xa participou noutras competicións como o Campionato Galego celebrado en Sanxenxo, no Open Vila de Marín ou nos campionatos galegos de Noia. Tras os bos resultados obtidos nesta campionato, a boxeadora amosa o seu agradecemento ao club AnteloTeam e á Federación Galega de Boxeo.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que “Ames é un concello cheo de talento para o deporte, tal e como se demostra cos continuos premios e recoñecementos que reciben as nosas e os nosos deportistas. Este éxito é froito do seu esforzo e dedicación e dende o Concello de Ames non podemos máis que expresar o noso orgullo e felicitar a Verónica polo éxito acadado”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A amesá Verónica Fernández, campioa nacional de boxeo elite"

La Voz de Galicia: "La amiense que comenzó a boxear para combatir su insomnio y al cabo de 2 años ya era campeona de España"

A amesá Verónica Fernández proclámase campioa de España de Boxeo Elite

Multimedia

  • A amesá Verónica Fernández proclámase campioa de España de Boxeo Elite
  • A amesá Verónica Fernández proclámase campioa de España de Boxeo Elite