- Tematica
O alcalde de Ames, Blas García, vén de solicitarlle unha xuntanza ao Conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, para poñer en marcha un proxecto de ampliación do centro de saúde de Bertamiráns que, con máis de 30 anos ao servizo da veciñanza amesá, precisa ser ampliado e reordenado para prestar un servizo de calidade, pois “está obsoleto e xa non responde ás necesidades dun concello de máis de 33.000 habitantes”, afirma o rexedor.
Esta solicitude de xuntanza, que responde á necesidade de abordar de forma inmediata esta necesidade da veciñanza do concello e da contorna non é nova, pois os predecesores do actual concelleiro, Antonio Gómez Caamaño, recibiron escritos similares, como o enviado o 19 de xaneiro do ano 2023 ao nese momento responsable da Consellería de Sanidade, Julio García Comesaña. Nese momento puxéronse a disposición da Xunta de Galicia os terreos anexos ao centro sanitario para realizar as obras de ampliación pertinentes, ofrecemento que na actualidade se mantén por parte do goberno local.
O centro, que presta servizo a máis de 15.000 usuarios e fai as funcións de PAC, ten grandes problemas de carácter estrutural e de reparto de espazos que, sumado ao déficit de profesionais, crea unha situación de colapso. O Concello de Ames, único concello de Galicia con saldo vexetativo positivo e dos únicos que medra ano tras ano, necesita ter uns servizos á altura, pois “os datos que manexamos indican que imos seguir medrando”, explicou García. Así mesmo, defende que " a Xunta de Galicia debería premiar aos concellos que logramos romper a tendencia demográfica desta comunidade, proporcionando uns servizos que vaian en consonancia ás necesidades dunha poboación crecente”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "Ames reclama ampliar el centro de salud de Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Ames, en pé de guerra contra o Sergas: insiste na reforma do centro de saúde de Bertamiráns"