- Tematica
Tras abrir un período de renovación de matrícula e de novas altas, a Escola Municipal de Música de Ames (EMMA), fai públicas as prazas que aínda quedan libres de cara ao vindeiro curso 2024-2025. As persoas interesadas poderán inscribirse ata o venres 6 de setembro. As prazas serán adxudicadas por orde de entrada en rexistro. O alumnado que obteña a praza será contactado e poderá formalizar a súa matrícula ata o 12 de setembro.
A actividade de Música e Movemento facilita que a rapazada amplíe o seu vocabulario e practique as súas destrezas motoras. Ao cantar, os nenos e nenas aprenden naturalmente ao son das letras, e as rimas espértanlles a imaxinación. Por outra banda, a materia axuda a mellorar a coordinación dinámica xeral cos ritmos musicais, afianza o desenvolvemento de determinadas capacidades, como a coordinación psicomotriz e a coordinación audio-motora, e desenvolve e amplía as posibilidades e experiencias corporais do ritmo, a coordinación e o movemento.
As clases de instrumento son individuais, de media hora á semana. Unha vez adquiridos certos coñecementos, e previa consulta co profesor, poderase participar en clases grupais dese mesmo instrumento e formar parte das distintas agrupacións musicais da escola.
Prazas dispoñibles
Nesta última quenda de inscrición, quedan libres as seguintes prazas:
• MÚSICA E MOVEMENTO (nacidos no ano 2020): Luns e mércores (en horario de 16:30 a 17:30): 8 prazas.
• MÚSICA E MOVEMENTO (nacidos no ano 2018): Luns e mércores (en horario de 17:30 a 18:30): 8 prazas.
• FRAUTA TRAVESEIRA: 2 prazas.
• LINGUAXE MUSICAL/MÚSICA PARA ADULTOS: estas especialidades están dirixidas principalmente a persoas que cursen unha materia instrumental ou vocal. Os horarios serán decididos pola docente tendo en conta a idade e os coñecementos dos/as alumnos/as.
Solicitude e adxudicación de prazas
As persoas interesadas en inscribirse nalgunha das clases dispoñibles deben cubrir esta solicitude e entregala a través da Sede electrónica do Concello de Ames. Tamén se pode facer nos rexistros municipais ou a través de calquera outro medio dos recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015. Ao tratarse dun prazo extraordinario, as prazas adxudicaranse por orde de entrada das solicitudes. Dende a escola poñeranse en contacto coas persoas que obtiveron praza para que, nun espazo breve de tempo, confirmen o horario da especialidade instrumental, dentro dos que haxa dispoñibles.
Os alumnos/as que obteñan prazas deberán confirmala pagando o importe da matrícula. A data límite será o 12 de setembro. Para facelo, recibirán a través do seu correo electrónico unha folla de auto-liquidación, que tamén se pode recoller na oficina de recadación do Concello de Ames ou na propia oficina da Escola de Música na Casa da Cultura do Milladoiro. Unha vez pagada a matrícula, débese enviar o xustificante de pagamento ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.
As clases darán comezo o 16 de setembro e seguirán o calendario escolar, de xeito que non se impartirán as materias nas vacacións de Nadal, Entroido e Semana Santa.