Solapas principales

A empresa BeOne que xestiona o centro deportivo A Telleira lanza a campaña "En setembro... Ponte On"

Sábado, 07 de septiembre de 2024

O Centro Deportivo Municipal da Telleira, xestionado por BeOne, lanza a súa campaña de setembro baixo o lema "Ponte On", convidando aos veciños a comezar (ou retomar) unha vida máis activa tras o verán. Desde o 26 de agosto e durante todo o mes de setembro, os interesados poderán gozar dunha proba gratuíta de 3 días. Ademais, aquelas persoas que se inscriban como socios durante este período gozarán de matrícula gratuíta.

BeOne A Telleira destácase polas súas completas instalacións deseñadas para ofrecer unha experiencia deportiva integral. O centro conta con piscina climatizada así como sauna para relaxación e recuperación. A sala fitness está equipada con zonas diferenciadas para cardio, peso libre, adestramento funcional e máquinas. Ademais, os/as usuarios/as poden acceder á sala para actividades dirixidas, onde se practican disciplinas como córeo, bike, tonificación e actividades corpo-mente. Todo isto nun horario recentemente ampliado de 07:00 a 23:00 horas de luns a venres, de 09:00 a 13:45 horas e de 16:00 a 20:45 horas os sábados e de 09:00 a 13:45 horas os domingos.

Pensando nas familias, o Centro Deportivo Municipal da Telleira ofrece variedade de actividades infantís e unha escola de natación, asegurando que tanto adultos como nenos poidan gozar dunha vida activa e saudable. Tamén dispón dunha área infantil de xogos para favorecer a conciliación das familias, dispoñible de luns a xoves en horario de tarde.

A concelleira de deportes, Susana Señorís, valora moi positivamente esta campaña posta en marcha pola empresa BeOne na centro deportivo de A Telleira. “É un xeito moi positivo de animar á veciñanza a iniciar ou retomar a práctica deportiva tras a pausa do verán. Esta iniciativa non só incentiva a comezar a actividade física, senón que destaca os obxectivos tan diversos que se poden lograr coa práctica deportiva”.

Javier Magariños, Director da Piscina Municipal, comenta: “En BeOne A Telleira esforzámonos por ofrecer unha contorna que inspire aos nosos socios para levar unha vida activa e saudable. Estamos seguros de que quen nos visite durante este período quedarán encantados cos nosos servizos, e quererán unirse á nosa comunidade”.

A campaña "En setembro... Ponte On" está deseñada para motivar á comunidade para retomar ou iniciar unha vida activa despois do verán. Durante o mes de setembro, os veciños de Ames e os seus arredores poderán gozar da proba gratuíta de 3 días, accedendo a todas as instalacións e actividades do centro. A inscrición durante este período tamén incluirá matrícula gratuíta, ofrecendo un incentivo adicional para quen desexe comezar a súa viaxe cara a unha vida máis saudable e activa. A invitación está dispoñible a través da páxina web www.beone.es/ponteon.

Sobre BeOne
BeOne é unha empresa líder na xestión de centros deportivos, comprometida con ofrecer instalacións de alta calidade e servizos excepcionais aos seus usuarios. Cunha sólida presenza en España, BeOne promove o benestar e a saúde a través dunha variada oferta de actividades e programas deportivos.

Imaxe do centro deportivo A Telleira