Solapas principales

A Oficina de Software Libre organiza un obradoiro avanzado de LibreOffice

Martes, 17 de septiembre de 2024

A Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL), coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames, comeza unha nova tempada na que organizará novas actividades de formación en novas tecnoloxías e outras cuestións de interese. A primeira actividade, un obradoiro avanzado de LibreOffice, está prevista para este sábado, 21 de setembro, de 11:30 a 13:30 horas, no Milladoiro. Trátase dunha actividade impartida por persoal da Oficina de Software Libre de Ames dentro das súas actividades de divulgación das novas tecnoloxías en Software Libre. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón

O sábado 21 de setembro volve a organizarse unha nova actividade da Oficina de Voluntariado Informático de Software Libre, unha iniciativa impulsada por AGASOL coa colaboración da Concellaría de Benestar Social do Concello de Ames. A Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe Electrónica de Ames é un proxecto posto en marcha polo Concello de Ames e a Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (AGASOL).

Desta volta, verase como aproveitar algunhas das características que incorpora LibreOffice, e que son menos coñecidas polos usuarios desta suite ofimática, como compartir documentos cos usuarios doutras ferramentas ofimáticas, configurar correctamente o idioma preferido, exportar documentos a PDF híbrido ou como asinar dixitalmente un documento.

Os participantes deberán levar un equipo propio cunha instalación de LibreOffice. A inscrición pódese realizar premendo nesta ligazón. A actividade impartirase na Oficina de Software Libre e Banco de Reciclaxe de Ames, situada no antigo centro de saúde do Milladoiro, na rúa Agro do Medio, número 8, de 11:30 a 13:30 horas.

Divulgación das novas tecnoloxías en software libre
Cómpre lembrar que a Oficina de Software Libre centra as súas actividades en divulgar as novas tecnoloxías en software libre entre os grupos sociais menos favorecidos. Para conseguilo, impártense cursos de formación e realízanse actividades de alfabetización dixital para aquelas persoas que o necesiten. Ademais, ofrécese axuda para resolver dúbidas relacionadas coa tecnoloxía e establécese como punto de encontro onde aprender, compartir e construír.

Durante o pasado curso a Oficina desenvolveu diferentes actividades de formación e divulgación de tecnoloxías de software libre. En concreto, realizou o obradoiro “Posta a punto, reciclaxe e instalación do teu computador”; outro sobre bicicletas eléctricas e mantemento de baterías; e un terceiro denominado “Repair café de equipos informáticos”.

A Oficina de Software Libre organiza un obradoiro avanzado de LibreOffice

Multimedia

  • A Oficina de Software Libre organiza un obradoiro avanzado de LibreOffice