Solapas principales

Aberto o prazo para inscribirse nas prazas libres das Escolas deportivas municipais

Jueves, 26 septiembre, 2024
Unha vez rematado o primeiro período de inscrición, a Concellaría de Deportes abre o prazo para anotarse nas prazas libres das Escolas deportivas municipais 2024/2025. As persoas interesadas poden xestionar a matrícula telematicamente a través da plataforma Cronos, no módulo “inscrición en clases”.

O departamento de Deportes vén de abrir un novo prazo de inscrición nas Escolas deportivas municipais, tras rematar o primeiro período para anotarse. Nesta segunda oportunidade poderán formalizar a matrícula todas aquelas persoas que non o fixeron na primeira quenda ou que quedaran excluídas desta. Tamén poderán anotarse aqueles/as aos/ás que xa se lles adxudicou praza noutra actividade (segunda actividade). Premendo nesta ligazón pódese consultar o folleto coa oferta de actividades das Escolas deportivas.

Os/as interesados/as poden xestionar a matrícula telematicamente a través da plataforma Cronos, premendo aquí, e accedendo ao módulo “inscrición en clases”. Nesta ligazón atoparás as instrucións de funcionamento de Cronos.                      

Unha vez que, habendo prazas libres, se obtivera praza na plataforma, deberá xestionarse o pagamento solicitando a folla de autoliquidación nas Oficinas de Recadación. Este trámite poderá realizarse a través do correo electrónico ames@canaltributos.com, chamando ao número de teléfono 981 88 48 96 ou realizar a autoliquidación a través da Oficina Virtual Tributaria do Concello (non precisa certificado electrónico) premendo na opción de “pagar taxas”. Outra opción é acudir de xeito presencial ás oficinas da praza Horta de Abaixo, nº 6 en Bertamiráns ou na rúa Viorneira, nº 6 no Milladoiro.

Unha vez feita a autoliquidación non é preciso entregar o resgardo de pagamento, dado que este se recibe automaticamente. Realizados ámbolos dous pasos (inscrición en Cronos e trámite de pagamento) xa se poderá asistir á clase, xa que a inscrición queda correctamente feita. Se non se realiza o pagamento no prazo de 3 días, a inscrición quedará anulada.

Actividades ofertadas
As actividades, organizadas polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña, comezarán o martes, 1 de outubro e rematarán o 14 de xuño de 2025. Nesta ocasión, as Escolas deportivas contan na categoría de formación deportiva con baile moderno, baloncesto, fútbol sala feminino, fútbol sala mixto, judo, natación, patinaxe, predeporte, tenis, voleibol, xadrez e ximnasia rítmica. Os maiores de 14 anos poderán inscribirse nas actividades do programa “Ponte en Forma”, que inclúe adestramento funcional; aerozumba; ioga, pilates; spinning, abdominais e glúteos; e ximnasia de mantemento.

As tarifas para o curso completo son de 48 euros para os maiores de 18 anos e de 32 euros para os menores de 18 anos. No caso do segundo membro da unidade familiar serían 16 euros e no dun terceiro membro e seguintes de 8 euros.