- Tematica
O proxecto Estalmat-Galicia para o estímulo do talento matemático iniciou un novo curso o pasado sábado, 21 de setembro, na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela. A promoción deste ano está formada por 25 rapaces e rapazas de entre 12 e 13 anos, entre os que se atopa Xoel Aneiros, alumno do IES do Milladoiro. Nesta décimo sétima edición, o Concello de Ames súmase a este programa como patrocinador cunha achega económica.
Esta pasada fin de semana botou a andar a XVII edición do proxecto Estalmat-Galicia para o estímulo do talento matemático. O acto de apertura, celebrado na Aula Magna da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela, estivo presidido vicerreitora de Política Científica da USC, Pilar Bermejo, que estivo acompañada da decana da Facultade de Matemáticas e presidenta do Programa, Elena Vázquez; do director de Estalmat e membro da Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais de España, Manuel de León; da directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo; da deputada provincial responsable das áreas de Política Social, Educación e Mocidade, Mar García; e do alcalde de Ames, Blas García.
Este proxecto, nado en 1999, conta coa colaboración de distintas entidades educativas e culturais ás que este ano se suma o Concello de Ames en calidade de patrocinador do programa.
XVII Estalmat-Galicia
Nesta 17ª promoción de 2024 participan 6 alumnas e 19 alumnos, que logo da inauguración partiron a un campamento matemático durante a fin de semana no Albergue de Ecoturismo Alvarella-Concello de Vilarmaior.
Durante o curso, os e as estudantes seguirán un programa de estímulo do talento matemático baixo as directrices do Proxecto ESTALMAT-España, que desde 1998 vén desenvolvéndose en varias Comunidades Autónomas. As actividades de primeiro serán todas presenciais e terán lugar na Facultade de Matemáticas. Así mesmo, esta promoción terá unha novidade: unha sesión de manexo da calculadora científica.
Asistirán a estas actividades formativas ao longo dos cursos académicos 2024-25 e 2025-26, con 20 sesións en cada curso. Aqueles rapaces e rapazas que o desexen poderán continuar continuar no ano 2026-27 nas actividades de Estalmat-Pi ou 3º curso (ao redor de 15 sesións anuais).