Solapas principales

A concellería de Mocidade organiza unha xornada de emprendemento e emprego xuvenil para a mocidade amesá

Viernes, 11 de octubre de 2024

A Concellaría de Mocidade conta cun programa de accións formativas, de carácter non formal, que busca facilitar á mocidade amesá os recursos e ferramentas necesarias para favorecer o emprendemento, a creatividade e as perspectivas de futuro. Dentro deste programa, denominado Lidera2, vaise realizar unha xornada informativa sobre emprendemento e emprego xuvenil. Para inscribirse é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo xuventude@concellodeames.gal.

O programa Lidera2 é un proxecto formativo que inclúe a realización de diferentes iniciativas, principalmente de carácter non formal, co obxectivo de facilitar á mocidade do concello os recursos e ferramentas necesarios para favorecer o emprendemento, promover a creatividade e impulsar as súas perspectivas de futuro tanto a nivel formativo como profesional.

Dentro deste programa, o departamento de Mocidade organiza na Casa da Cultura do Milladoiro unha xornada sobre emprendemento e emprego xuvenil o vindeiro mércores 16 de outubro, de 16:30 a 19:30 horas.

O obxectivo desta xornada é, ademais da inserción laboral dos máis novos, alentar o seu espírito emprendedor. Para iso, durante a sesión falarase de emprego público e autoemprego, e revisaranse cuestións como os currículums e as cartas de presentación. Ademais, explicaráselles aos asistentes que é unha idea empresarial e como poñela en marcha. A dinámica da xornada consistirá en facerlle preguntas aos asistentes para, entre outras cousas, detectar necesidades de formación.

A esta xornada poden acudir tanto mozos e mozas interesados/as nesta cuestión como público xeral. Para inscribirse é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo xuventude@concellodeames.gal.

Programa Lidera2
Unha das prioridades da Concellaría de Mocidade do Concello de Ames durante os próximos anos é ofrecer á mocidade amesá un programa formativo completo e variado, baseado nos seus intereses e que estea adaptado aos constantes cambios e innovacións actuais. O programa Lidera2 encádrase deste obxectivo e busca promover a participación e a formación xuvenil a través de cursos de educación non formal de diverso formato, que permitan ás mozas e mozos medrar e evolucionar no seu futuro profesional. Así, dentro del enmárcanse iniciativas como os cursos de monitor de actividades de tempo libre, as clases de reforzo educativo ou a formación en lingua de signos, entre outras.

A concellería de Mocidade organiza unha xornada de emprendemento e emprego xuvenil para a mocidade amesá

Multimedia

  • A concellería de Mocidade organiza unha xornada de emprendemento e emprego xuvenil para a mocidade amesá