- Tematica
O vindeiro 8 de novembro, ás 19:00 horas, o grupo de teatro LaGriot´te impartirá na Casa da Cultura de Bertamiráns un obradoiro de teatro físico, no que indagar sobre o poder da imaxinación e a capacidade do corpo para contar e amosar historias. Para participar nesta actividade, dirixida a maiores de 16 anos, só hai que enviar un correo a cultura@concellodeames.gal indicando nome, apelidos, idade e un teléfono. Ofértanse un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por orde de inscrición.
Dentro do programa de residencias artísticas do Concello de Ames, a compañía de teatro LaGriot´te realizará un obradoiro pedagóxico-teatral no que afondará no seu método de traballo: o teatro físico, empregado na obra que o grupo ensaiou recentemente na Casa da Cultura do Milladoiro, “O Rexurdimento do Divino Sainete”. Ademais, en relación con esta peza teatral, as persoas asistentes aprenderán sobre a importancia da figura de Curros Enríquez, a súa obra e a súa vixencia na actualidade.
Nesta actividade, as persoas asistentes realizarán diversas dinámicas sobre xestualidade, a construción de personaxes e a importancia dos espazos. Ao remate do obradoiro, haberá un traballo colectivo de creación e improvisación onde os participantes amosarán todo o aprendido. Recoméndase levar roupa cómoda
Para participar só hai que enviar un correo a cultura@concellodeames.gal indicando nome, apelidos, idade e un teléfono. Ofértanse un máximo de 20 prazas que se adxudicarán por orde de inscrición.
Apoio á creación artística
O Concello de Ames conta cun regulamento de uso e funcionamento das instalacións culturais. Co obxectivo de apoiar a creación artística do tecido profesional e empresarial, a Concellaría de Cultura do Concello de Ames oferta residencias artísticas no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro para creadores, creadoras e compañías profesionais que desenvolvan as súas liñas de traballo nos ámbitos das artes escénicas.
A finalidade última deste proxecto é apoiar a creación artística do tecido profesional e empresarial, facilitando espazos e equipamento para o ensaio e produción de proxectos escénicos. Nestes casos asínase un convenio de colaboración no que figura a contraprestación ao Concello de Ames polos espazos e equipamentos que se vaian utilizar. Entre estas contraprestacións figuran actividades pedagóxicas orientadas á comunicade educativa ou ao público xeral; actividades de promoción do teatro, da música, das artes plásticas; actividades encamiñadas a incrementar o número de espectadores ou de creación de novo público, estreas das novas producións, etc.