- Tematica
O proxecto Apego continúa a súa programación de outono co espectáculo “Son animal”, do músico Paco Nogueiras, que terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 8 de novembro, ás 18:00 horas. As persoas interesadas en anotarse poden facelo enviando un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal desde hoxe e ata o 7 de novembro, no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, idade dos nenos/as e un número de teléfono de contacto. A programación do Apego para o segundo semestre do 2024 pode consultarse premendo nesta ligazón.
Hoxe, 1 de novembro, abre o prazo de inscrición para o concerto “Son animal”, de Paco Nogueiras. Trátase dun espectáculo dedicado aos animais máis próximos e aos seus sons convertidos en divertidas cancións; cancións que nos levan polo mundo a través de diferentes estilos musicais: ritmos andinos, portugueses e do leste de Europa; unha balada acústica; un animado rock&roll; unha fanfarria circense...
Esta actividade terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 8 de novembro, ás 18:00 horas. Está dirixido a público familiar. É unha actividade de balde pero é preciso inscribirse canto antes.
As persoas interesadas en inscribirse só teñen que enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que se indiquen nome e apelidos das persoas asistentes, teléfono de contacto e idade das crianzas que vaian participar. O prazo para anotarse está aberto dende hoxe ata o vindeiro 7 de novembro. As prazas asignaranse respectando a orde de recepción das solicitudes, e non se admitirán inscricións fóra do período de inscricións.
O programa Apego, un vehículo de transmisión da lingua
O programa Apego é un proxecto colaborativo no que participan varios concellos, entre os que se inclúe Ames, e que vai dirixido ás familias que estean a esperar un bebé ou que teñan crianzas entre 0 e 6 anos. O seu obxectivo é promover, apoiar e normalizar o uso do galego na socialización da primeira infancia, empregando distintas actividades e recursos.
As familias interesadas en sumarse á iniciativa poden facelo poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames, escribindo un correo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao número de teléfono 662 377 215. Así mesmo, tamén poden facelo cubrindo o formulario “Súmate ao apego”, que está dispoñible na páxina web do programa, apego.gal.