Solapas principales

Ponse en marcha a segunda edición da Xincana Xove “Percorrendo Ames 2024” dirixida á mocidade galega de 14 a 30 anos

Jueves, 07 de noviembre de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Mocidade e a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), organiza a segunda edición da Xincana Xove “Percorrendo Ames 2024”. Tratase dunha iniciativa composta por diversas probas para que a mocidade explore o concello e o coñeza de xeito participativo e divertido. O acto de presentación tivo lugar esta mañá na Casa do Concello. A actividade está dirixida a mozos e mozas entre os 14 e os 30 anos de calquera concello de Galicia, que deberán competir en equipo de tres mozos/as. As inscricións poderán facerse a través deste formulario web.

A segunda edición da Xincana Xove porá a proba os coñecementos da mocidade sobre o comercio local e o valor patrimonial e natural do noso concello. Deberán resolver 30 cuestións sobre diferentes establecemento e lugares de Ames. Con este xogo, a través dunha serie de probas sinxelas, poderase coñecer o concello de maneira participativa, orixinal e divertida. Premendo nesta ligazón podes consultar as bases da II Xincana Xove.

A actividade, que foi presentada esta mañá na Casa do Concello, xira arredor de Ames, a súa historia, a súa riqueza natural e patrimonial, e o seu comercio local, incluíndo desafíos relacionados con estas áreas. No acto estiveron presentes a concelleira de Mocidade, Carmen Porto, o presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Ramón Cordido, e a técnica municipal do departamento de Mocidade, Pilar Villaverde.

A concelleira de Mocidade, Carmen Porto, explicou que “presentamos a segunda edición da Xincana Xove Percorrendo Ames. Trátase dunha iniciativa na que a mocidade ten que ir superando unha serie de probas, nas que deben de percorrer todo o concello para atopar as respostas. Pretendese implicar aos mozos e mozas co obxectivo de que coñezan o concello de Ames dun xeito participativo, orixinal e divertido. A Xincana Xove porá a proba o coñecemento que ten a mocidade sobre o comercio local e o valor patrimonial e natural do noso municipio. A entrega dos premios, ao igual que na primeira edición, farase durante a celebración das Prebadaladas do 31 de decembro”.  

A técnica do departamento de Mocidade, Pilar Villaverde, dixo “animamos a toda a mocidade que teña entre os 14 e 30 anos de calquera concello de Galicia a que participe na xincana. Para participar nesta proba deberán facer equipos de tres persoas. Unha vez se rexistre o equipo, os/as participantes van a recibir un coreo electrónico a través do cal van ter acceso á ficha de participación na cal van a ter que responder 30 preguntas sobre a historia, riqueza natural e patrimonial, e comercio local de Ames. Ademais, este ano incluímos preguntas sobre equipamentos municipais que temos en Ames. Son 30 retos que deben de respostar dende o 15 ata o 27 de novembro. Rematado o prazo revisarase a documentación e mailas respostas e asignaráselle a cada grupo un número co que participarán no sorteo de premios”.

O presidente de Xuntanza de Empresarios de Ames, Ramón Cordido, destacou “esta iniciativa pareceunos unha idea moi orixinal o ano pasado e nal cal houbo unha gran participación. O primeiro premio son tres vales para unha viaxe, por valor de 600 euros, para cada mozo/a do equipo. O segundo premio son tres vales de 300 euros, para canxear por produtos de electrónica, mentres que o terceiro premio son tres vales por valor de 150 euros cada un para gastar no comercio local. Animamos a participar a toda a xuventude. É unha idea moi orixinal que achega á mocidade a coñecer o seu concello”.

Proceso de inscrición
Para participar non é necesario residir nin estar empadroado en Ames. O prazo para inscribirse e participar é do 15 ao 27 de novembro. Trátase dun reto por equipos, que deberán estar formados por 3 mozos/as entre os 14 e os 30 anos. Unha vez finalizado o proceso de rexistro enviarase por correo electrónico unha autorización paterna (só en caso de participantes menores de idade) e un enlace para acceder á ficha de participación da xincana, que haberá que cumprimentar e enviar coas respostas.

Unha vez finalizado o prazo no que estará vixente a xincana procederase á recompilación e comprobación das respostas enviadas por cada equipo, sempre que cumpran cos requisitos de participación.

Sorteo de premios
Unha vez enviadas e comprobadas as respostas, a cada equipo asignaráselle un número, que será enviado por correo electrónico, e que servirá para participar no sorteo dos premios. Este sorteo público celebrarase o 12 de decembro, ás 13:00 horas, na Casa do Concello, e del sairán os gañadores da xincana: o primeiro número que saia recibirá o terceiro premio, o segundo número recibirá o segundo premio e, finalmente, o terceiro número recibirá o primeiro premio.

Despois deste, farase un segundo sorteo de suplentes na mesma orde, para que no caso de que non se puidera contactar coas persoas do equipo beneficiado en primeiro lugar no prazo de tres días hábiles, se contacte e adxudique equipo ao suplente. O resultado de ambos sorteos será comunicado a través de correo electrónico aos equipos participantes.

Premios da Xincana Xove
Os premios aos que optarán os participantes da xincana son: un primeiro premio de tres vales para unha viaxe, por valor de 600 euros, para cada membro do equipo; un segundo premio de tres vales para gastar en electrónica ou tecnoloxía, por valor de 300 euros, para cada membro do equipo; e un terceiro premio con tres vales de 150 euros para compras en establecementos do comercio local de Ames.

Os premios entregaranse o 31 de decembro pola mañá na praza do Concello de Bertamiráns, durante as Prebadaladas de Nadal. Ao acto terán que acudir os premiados e, en caso de ser menores, os seus representantes legais. En caso de non poder acudir, deberán designar/autorizar a outra persoa a recoller o premio no seu nome coa suficiente antelación.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A Xincana Xove invita a explorar Ames superando trinta retos"

Ponse en marcha a segunda edición da Xincana Xove “Percorrendo Ames 2024” dirixida á mocidade galega de 14 a 30 anos

Multimedia

  • Ponse en marcha a segunda edición da Xincana Xove “Percorrendo Ames 2024” dirixida á mocidade galega de 14 a 30 anos
  • Ponse en marcha a segunda edición da Xincana Xove “Percorrendo Ames 2024” dirixida á mocidade galega de 14 a 30 anos
  • Ponse en marcha a segunda edición da Xincana Xove “Percorrendo Ames 2024” dirixida á mocidade galega de 14 a 30 anos
  • Ponse en marcha a segunda edición da Xincana Xove “Percorrendo Ames 2024” dirixida á mocidade galega de 14 a 30 anos
  • Ponse en marcha a segunda edición da Xincana Xove “Percorrendo Ames 2024” dirixida á mocidade galega de 14 a 30 anos