- Tematica
Este pasado martes 26 de novembro pechouse o ciclo Cine de Outono 2024, unha iniciativa deseñada polo departamento de Cultura do Concello de Ames, e que ofertou ao longo de todo o mes de novembro diferentes longametraxes con selo galego e en lingua galega. Nesta ocasión, os filmes que se proxectaron neste ciclo de cinema foron As Neves, +Cuñados e Os Espazos en Branco. En total, participaron 154 persoas no Cine de Outono.
Na súa segunda edición, o Cine de Outono consolídase como unha iniciativa que achega a toda a veciñanza cultura audiovisual feita en Galicia, ademais de descubrir máis sobre o proceso de creación destes filmes cos coloquios posteriores á proxección de cada unha das películas.
O cinema aumenta o interese entre e veciñanza amesá
Cine de Outono completou a programación de ciclo de filmes ofertada polo Concello de Ames neste 2024, iniciada xa o pasado mes de abril co Abril de Cine. Desta volta, asistiron máis de 154 persoas ao ciclo de cine, aumentando así a participación con respecto ao Abril ao que asistiron 125 persoas.
Desde a organización amósanse satisfeitos coa boa acollida e interese que están a ter estas proxeccións de filmes entre a veciñanza e, sobre todo, co aumento da participación en cada edición. Deste xeito, os ciclos de cine estanse a consolidar como unha actividade destacada na programación cultural de Ames.
Tres filmes galegos e en lingua galega
O Cine de Outono ofertou ao longo de todo o mes de novembro tres filmes con selo galego e en lingua galega, poñendo así en valor a cultura feita na nosa terra. O ciclo comezou o pasado 12 de novembro coa proxección da película “As Neves”, dirixida por Sonia Méndez. Tras a súa proxección, os asistentes puideron gozar dun coloquio co actor David Rodríguez Fernández, protagonista do filme xunto a Andrea Varela.
A segunda sesión tivo lugar o martes 19 de novembro coa emisión do filme “+Cuñados” de Luis Avilés, unha película ambientada no tradicional Entroido ourensán. Como aconteceu na primeira xornada do Cine de Outono, os participantes tamén tiveron a oportunidade de presenciar unha posterior charla, neste caso, con Luis Avilés Baquero, director do filme.
O Cine de Outono pechouse coa proxección do documental “Os Espazos en Branco” este pasado martes 26 de novembro. O filme, dirixido polo cineasta vigués Bruno Arias, foi galardoado co premio Mestre Mateo a mellor documental no pasado mes de marzo. Para esta última xornada do ciclo de cine, os asistentes tiveron a oportunidade de ter un coloquio posterior á proxección co director do documental, Bruno Arias, e con Álvaro Liste e Noelia Papín, da produtora Serea Films.