Solapas principales

Ames programa a Mostra de Teatro Afeccionado para os días 4, 5, 6, 7 e 8 de decembro

Lunes, 02 de diciembre de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, volve a programar a Mostra de Teatro Afeccionado. Deste xeito, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro e mailo local social de Bugallido acollerán, os días 4, 5, 6, 7 e 8 de decembro, cinco representacións teatrais a cargo de compañías de Ames, Teo, Brión, Outes e Ribeira. Os convites poden adquirirse na Billeteira electrónica. No caso de haber convites dispoñibles, tamén se poden coller o propio día do espectáculo. Para ver a obra A Visita en Bugallido a entrada é libre ata completar aforo, non é preciso sacar convites na Billeteira como para as outras representacións teatrais que son no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.

O Concello de Ames volve organizar a Mostra de Teatro Afeccionado, unha actividade que levaba sen celebrarse desde a súa última edición no 2019. O ciclo teatral, organizado pola Concellaría de Cultura e a Escola Municipal de Teatro de Ames, ofrecerá as actuacións de diferentes grupos de teatro non profesionais ao longo de cinco xornadas nas que se poñerá en valor a cultura e a lingua galega.

Todas as exhibicións teatrais realizaranse nos vindeiros días 4, 5, 6, 7 e 8 de decembro, ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, coa excepción da última obra que se presentará o domingo 8, ás 18:00 horas, no Local social de Bugallido. Os convites poden adquirirse na Billeteira electrónica. No caso de haber convites dispoñibles, tamén se poden coller o propio día do espectáculo. Para ver a obra A Visita en Bugallido a entrada é libre ata completar aforo, non é preciso sacar convites na Billeteira como para as outras representacións teatrais que son no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro.  

Mércores 4 de decembro: Anacos, de Anacos Teatro (Aula de teatro de Teo)
Un grupo de actrices e actores aparecen no escenario para falar de teatro e desas conversas xurdirán anacos de escenas de teatro... En cada función o teatro renace. O teatro non é máis que anacos de historias que merecen ser contadas.

Xoves 5 de decembro: Ibáñez Cabaré, de Teatro das Maniotas (IES Brión)
Mario Montoro morre á saída do seu traballo no cabaré, e todo o mundo está seguro de que foi María, a súa parella. Pero as dúas policías encargadas do caso non se aclaran coas pistas, e non son quen de resolver a investigación. Ao mesmo tempo, os traballadores e traballadoras do cabaret fan as súas pesquisas, e conviven coa presunta asasina, mentres bailan e cantan cos distintos personaxes que homenaxean ao grande Ibáñez nunha explosión de cor e música.

Venres 6 de decembro: Comedia Bífida, Grupo de Teatro da Asociación Terras de Outes
Comedia disparatada, baseada na obra de Manuel Núñez Singala, que xulga os prexuízos contra o uso da lingua galega. A obra versa sobre unha serie de xuízos celestiais co eixo principal na lingua galega. As acusadas e acusados son levados ante un tribunal nas portas do ceo para seren xulgados sobre a súa conduta terreal coa lingua, nomeadamente do seu maltrato en diferentes aspectos sociais e lingüísticos.

Sábado 7 de decembro: O Rei Telesforo busca noiva (e quere noivo), Grupo Municipal de Teatro de Ribeira
O grupo municipal de teatro de Ribeira pon en escena este novo espectáculo de humor en verso; unha comedia con moitos enredos e bastante retranca, coa intención de conseguir que o público esqueza os seus problemas diarios e goce do teatro, do humor e da sátira para rematar esmendrellándose coa risa. Na obra participa un reparto composto por un grupo de actrices e actores baixo a dirección de Óscar Romero. Os numerosos personaxes tanto no escenario como no patio de butacas van facendo escenas pícaras e irónicas chegando nalgúns momentos a interactuar co público asistente.

Domingo 8 de decembro: A Visita, do Grupo Municipal de Teatro de Ames
O Grupo Municipal de Teatro de Ames presenta o domingo, 8 de decembro, ás 18.00 horas, no Local social de Bugallido, a obra teatral A Visita, de Friedrich Dürrenmatt, baixo a dirección de Diego Rey.

A vila de Güllen leva anos asolada pola miseria e a pobreza. Coas fábricas e a industria pechadas, aos güllenses só lles queda vivir do recordo de épocas mellores. Non obstante, todo isto podería cambiar: a volta ao fogar dunha antiga veciña, a millonaria Clara Zachanassian, enche de esperanza os corazóns de toda a poboación. Clara marchou da vila cando nova, e fixo unha fortuna no estranxeiro, converténdose nunha das persoas máis ricas do mundo. O destino de Güllen depende da súa visita.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "Mostra de Teatro Afeccionado de Ames"

Ames programa a Mostra de Teatro Afeccionado para os días 4, 5, 6, 7 e 8 de decembro

Multimedia

  • Ames programa a Mostra de Teatro Afeccionado para os días 4, 5, 6, 7 e 8 de decembro