Solapas principales

O Enreguéifate, un imán para os centros escolares que prepara xa o seu certame de regueifas en vídeo

Jueves, 19 de diciembre de 2024

O proxecto Enreguéifate pecha este primeiro trimestre escolar cun total de sesenta obradoiros de improvisación oral realizados nunha trintena de centros dos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo. O prazo de participación no certame abrirá do 20 de xaneiro ao 20 de marzo. Os galardóns entregaranse o 19 de maio no Auditorio de Galicia.

Da man de Lupe Blanco, Josinho da Teixeira, Nuria das Cruces, O Rabelo e Xairo de Herbón, o alumnado de 5º e 6º de primaria e da ESO estivo a afondar nos xéneros galegos de improvisación oral en verso. O obxectivo é incentivar o emprego da regueifa nas aulas. Por unha banda, para enriquecer a práctica educativa e o desenvolvemento cultural, emocional e colectivo do alumnado, e por outra, especialmente, para promover a normalización da nosa lingua, sendo o ámbito educativo e cultural claves para manter vivo o galego entre as novas xeracións.

Ademais, as actividades formativas nos colexios e institutos procuran fomentar tamén a participación no certame de regueifas en vídeo que organiza o Enreguéifate. O prazo de inscrición na que será a oitava edición estará aberto do 20 de xaneiro ao 20 de marzo de 2025. Para anotarse é preciso enviar un ou máis vídeos, cunha duración máxima de 3 minutos, nos que aparezan cando menos 2 persoas regueifando sobre un tema libre. As bases completas poden consultarse na páxina web do certame (www.enregueifate.gal), a través da cal tamén poderá facerse a inscrición no vindeiro mes de xaneiro.

Co lema Enreguéifate, puro magnetismo!, esta nova edición volverá contar con dúas categorías: xeral, para calquera persoa, e escolar, para alumnado dos centros educativos galegos non universitarios. Como novidade, este ano amplíanse de seis a oito os premios por cada unha delas. Así, amais dos xa tradicionais galardóns para a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada, este ano tamén haberá premios para a regueifa máis inclusiva e a máis entroideira.

Os regueipremios entregaranse nunha gala que se celebrará o luns, 19 de maio de 2025 no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Unha cita que este ano volverá ser un fin de festa conxunto dos proxectos Enreguéifate e Regueifesta e que reunirá preto dun milleiro de escolares de toda Galicia, alumnado de centros educativos de Euskadi e público xeral.

Rapazada de Ames no obradoiro de Enreguéifate

Multimedia

  • Rapazada de Ames no obradoiro de Enreguéifate
  • Rapazada de Ames no obradoiro de Enreguéifate
  • Rapazada de Ames no obradoiro de Enreguéifate
  • Rapazada de Ames no obradoiro de Enreguéifate
  • Embedded thumbnail for