- Tematica
O Concello de Ames fai público o seu malestar coa xerencia da área sanitaria de Santiago, tras numerosos intentos de manter contacto dende fai unha semana. Ás graves deficiencias da infraestrutura sanitaria do centro de saúde de Bertamiráns súmanse agora a falta pediatras, feito que, xunto ás longas esperas para obter unha cita de atención primaria, fai que se colapse o PAC.
O alcalde, Blas García, manifesta un profundo malestar polo mal funcionamento do PAC de Bertamiráns, que ofrece servizo tanto ao núcleo de Bertamiráns coma aos concellos limítrofes e apunta á administración autonómica como culpable debido á falta de coordinadores, tanto en medicina como en enfermería. “Necesitamos que Sanidade recompoña e reordene o servizo para garantir a súa calidade, sufrimos as consecuencias da falta de persoal e da mala estruturación do mesmo”.
A esta problemática súmase a non substitución das baixas en pediatría, que está a provocar que os cativos e as cativas se vexan na obriga de non ser atendidos por un especialista: “O feito de que os rapaces e rapazas que deberan ser atendidos en pediatría vaian ao PAC pola ausencia de pediatras e se mesturen con todas as persoas que se ven obrigadas a acudir debido á unha lista de espera de entre 7 e 10 días en atención primaria, fai que o PAC de Bertamiráns viva unha situación de auténtico colapso”.
García denuncia a pasividade de Sanidade, que cualifica de “inaceptable”, pois despois dunha semana intentando contactar coa xerencia da área sanitaria “non obtivemos resposta”. O alcalde tamén di que se debería coidar máis un servizo como pediatría nun concello como o de Ames, “que é un dos únicos tres concellos galegos que medra en saldo vexetativo e o primeiro con moita diferencia”.
Fai xa dous meses o alcalde, Blas García, e a concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, reuníronse co conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño para abordar as graves deficiencias do PAC de saúde de Bertamiráns, que necesita unha profunda reforma para poder facer fronte á demanda de usuarios que ten nestes intres. Nesa reunión, o Concello de Ames ofreceuse a cederlle os terreos anexos ao centro de saúde á Xunta de Galicia para que se acometeran as obras de ampliación pertinentes para facer posible esta reforma o antes posible e, o conselleiro comprometeuse a visitar Ames e comprobar estas eivas de primeira man.