O Concello de Ames fai que se rectifique o plan de obra do Ministerio e garante os dous carrís de subida da avenida de Rosalía de Castro ata que non finalice a actuación dirección Padrón-Santiago. Tras as complicacións xurdidas durante esta xornada debido ao corte dun dos carrís de subida na N-550 realizáronse as xestións pertinentes coa Subdelegación do Goberno e a empresa adxudicataria para que o plan de obra se modifique.
O Concello de Ames recorda que esta é unha obra complexa que vai xerar molestias en momentos puntuais ao longo da súa execución e que, cando estas xurdan, serán solucionadas na maior brevidade posible.
O alcalde, Blas García, expón que “esta mañá tras unha xuntanza cos concelleiros de Obras e o de Urbanismo e, ante o caos circulatorio que se formou na rotonda de O Milladoiro ao final da SC-20 e a subida á rúa Muíño Vello polo comezo das o ras no carril dirección a Padrón, decidimos contactar coa Subdelegada do Goberno, María Rivas, e coa dirección de obra para paralizar actuación nese tramo da rúa Rosalía de Castro á altura de Muebles Compostela e volver ao estado inicial”.
Por outra banda García informa que acordou coa Subdelegada “convocar a Comisión de Seguimento para a vindeira semana e reorganizar o plan de obras, así como mellorar a sinalización nas entradas a Rosalía de Castro, tanto dirección Padrón como dirección Santiago para derivar o tráfico pola AG-56 ata Pardiñas e pola rotonda das Galanas. Sabemos que esta é unha obra moi complexa e que durante a súa execución vai a xerar problemas. Cando estes xurdan, intentaranse solucionar canto antes”.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La obra de O Milladoiro priorizará el carril a Santiago para aliviar el tráfico"
El Correo Gallego: "Adaptan o plan da humanización do Milladoiro para mitigar o seu impacto no tráfico"
Lindeiros: "As queixas pola obra no Milladoiro provocan cambios"