- Tematica
O centro de depósito de residuos do Punto Limpo rexistrou 744 entradas en decembro. Durante o pasado mes destaca a achega de 487 quilogramos de plásticos, 801 unidades de pequenos aparatos eléctricos e electrónicos (PAES) e 168 unidades de voluminosos.
O número de veciñas e veciños que fan uso do Punto Limpo para depositar os seus residuos segue a aumentar, xa que cada vez somos máis conscientes do importante que é reciclar correctamente aqueles refugallos que non se poden depositar nos colectores convencionais.
Deste xeito, o pasado mes de decembro rexistráronse un total de 744 entradas no servizo municipal a través das cales se achegaron diferentes residuos. Máis concretamente, a veciñanza amesá depositou 16 quilogramos de envases baleiros contaminados, 45 quilogramos de roupa, 8 unidades de pneumáticos usados, 53 unidades de grandes aparatos electrodomésticos (GAES), 32 unidades de tubos fluorescentes e 168 unidades de voluminosos.
Ademais, rexistrouse a entrada de 1.614 quilogramos de metais, 63 quilogramos de lodos de pintura, 3.024 quilogramos de madeira, 2.862 quilogramos de lixo procedente da construción (formigón, ladrillos e outros), 81 quilogramos de papel e cartón e 29 unidades de aerosois. Cómpre destacar tamén os aceites: 58 litros de aceite usado e 66 litros de aceite vexetal.
Tamén se achegaron 16 quilogramos de envases baleiros contaminados, 103 unidades de grandes aparatos electrodomésticos (GAES), 110 unidades de monitores e pantallas CRT-R5, 1 unidade de monitores e pantallas (non CRT nin LED), e 49 quilogramos de produtos fotoquímicos.
Horario e teléfono de contacto do Punto Limpo
O Punto Limpo está situado na rúa das Hedras do polígono Novo Milladoiro e ata alí pode achegarse toda a veciñanza de Ames para desfacerse de aqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. Recentemente, ampliou o seu horario, e ofrece os seus servizos de luns a sábado en horario de mañá e de tarde. Así, o Punto Limpo abre de 9:00 a 15:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, seis días á semana. As persoas que teñan calquera dúbida poden chamar ao teléfono 981 53 66 88.
Os voluminosos deben entregarse no Punto Limpo. Outra opción é chamar aos números de teléfono 981 19 12 40 ou 639 10 76 38, e acordar unha data e un lugar para depositalos xunto ao contedor máis próximo e que, posteriormente, sexan recollidos.
Punto limpo móbil
Por outra banda, o ano pasado comezou a funcionar o Punto Limpo móbil. Trátase dun vehículo adaptado que percorre os diferentes lugares e parroquias de Ames, cuns horarios e puntos prefixados, normalmente ao carón das Casas da Cultura ou locais sociais de cada parroquia, co obxectivo de que a veciñanza do rural poida depositar os pequenos residuos domésticos para os que non existen colectores na vía pública.
O vehículo consta dunha plataforma móbil que se abre en dúas metades deixando un corredor central desde o que se accede aos colectores específicos para cada tipo de residuo. Nel hai un operario para axudar a que todos os residuos se depositen no colector que lles corresponde.
Os residuos que se poden depositar no punto limpo son aerosois, aceite doméstico, baterías e acumuladores, CD, DVD, disquetes e casetes, cristal, xoguetes, lámpadas e fluorescentes, pequenos electrodomésticos electrónicos (televisores, microondas, ordenadores, etc.), pilas, pinturas e vernices, radiografías, roupa e calzado e teléfonos móbiles.