Solapas principales

Ames presenta a sexta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre e que este ano contará cos mellores deportistas a nivel nacional

Viernes, 07 de febrero de 2025

A Casa do Concello, en Bertamiráns, acolleu esta mañá a presentación da VI edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, que este ano se celebrará o vindeiro 23 de febreiro. A proba, organizada polo Concello e a Federación Galega de Atletismo, como vén sendo habitual, ten como punto de partida Ponte Maceira. As inscricións poden facerse a través da páxina web de carreiras galegas e estarán abertas ata o vindeiro 19 de febreiro. Desde a organización, agardan superar as cifras de participación do ano pasado de 522 persoas.Pódese consultar as bases e regulamento da proba na seguinte ligazón

O vindeiro 23 de febreiro, A Ponte Maceira volverá a ser o punto de inicio dunha nova edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre, mentres que o Real Aeroclub de Santiago será a meta final, percorrendo así 16 quilómetros dunha parte da paisaxe e patrimonio do noso municipio. Asemade, a principal novidade deste ano é, que ademais de formar parte do Galicia Trail Running, a proba será o I Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic.

Deste xeito, a Casa do Concello acolleu esta mañá o acto de presentación da proba. Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Deportes, Susana Señorís; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín; o técnico municipal do departamento de Deportes, Alberto Viaño; o representante do Real Aeroclub de Santiago, Alex Beiras, e o socio fundador de BJ Trainers & Co e membro do club BJ Training, Borja Collar.

Pola súa banda, a concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou a boa acollida que ten este evento deportivo desde a súa creación, “en cada edición o número de participantes vai a máis, tanto no trail cun percorrido de 16 quilómetros, como na andaina de 15, onde teñen a saída dende un punto emblemático como é A Ponte Maceira. O ano pasado fixemos por primeira vez o trail curto cunha distancia de 8 quilómetros que tamén tivo moi boa acollida”.

Na mesma liña, o presidente da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín, adiantou que “a celebración do Campionato de Galicia Preclassic vai traer á proba un nivel moi bo xa que son deportistas que se están a xogar a súa clasificación para os campionatos nacionais”. Así mesmo, adiantou que “imos ter unha campioa do mundo participando neste trail como é Sandra González Fernández”.

Deste xeito, o alcalde de Ames, Blas García, subliñou a importancia da proba “para dar a coñecer ao Concello de Ames desde outra perspectiva”, así como o trail dun deporte “que tamén axuda a poñer en valor e coidar todos os escenarios emblemáticos naturais do concello, como A Ponte Maceira ou a Praia Fluvial de Tapia”.

Desde a organización agardan superar os participantes da pasada edición, que foron 522 persoas. Ata o momento, a falta de 15 días para o seu peche, a cifra de inscricións supera as 150 persoas.

Horarios e distancias   
Os participantes do trail, cunha distancia de 16 quilómetros, sairán ás 10.00 horas, mentres que os da andaina, que terán que percorrer unha distancia de 15 quilómetros, sairán cinco minutos máis tarde, ás 10.05 horas. A meta para todas as probas será no Real Aeroclub de Santiago, nas instalacións da Ameixenda.

Así mesmo, este ano volverá a realizarse unha proba de trail curto, cunha distancia de 8 quilómetros, e que terá o seu punto de saída na praia fluvial de Tapia, ás 10.25 horas. Os participantes en calquera das tres probas serán trasladados en autobús desde o Real Aeroclub de Santiago (o punto establecido para a meta) ata os seus respectivos puntos de saída (Ponte Maceira ou Tapia), a partir das 8.15 horas.
Hai que ter en conta que, para estas probas, establécese un tempo de corte máximo. No caso do trail longo, é de 1 hora e 15 minutos desde a saída (ata as 11.15 horas), e para a andaina, de 2 horas desde a saída ( ata as 12.05 horas). Os participantes que non completen a proba no tempo establecido, serán retirados da competición e trasladados ata o punto de meta.
Neste evento deportivo poderá participar calquera deportista, sexa ou non federado. Todos os participantes, tanto nos trails como na andaina, concorrerán cunha licenza de día de Trail Running, que incluirá un seguro de accidentes deportivos e tamén de responsabilidade civil. Os deportistas federados estarán cubertos polo seguro da súa correspondente licenza.

Cómpre destacar que todos os atletas que participen no Campionato Xunta de Galicia de Trail Running Preclassic deberán realizar a súa inscrición a través da seguinte ligazón. No caso de querer optar aos premios da proba popular, deberán de inscribirse a través da páxina web de carreiras galegas como o resto de participantes.

Categorías e recollida de dorsais
En canto ás categorías, no trail longo haberá catro: senior masculino e feminino (dos 18 ata os 34 anos); master 1 masculino e feminino (de 35 a 49 anos cumpridos o día da proba); master 2 masculino e feminino (de 41 a 49 anos), e master 3 masculino e feminino (persoas con máis de 50 anos). Para o trail curto, establécense tres categorías: senior masculino e feminino (persoas nadas no 2007 e anteriores); sub 16 masculino e feminino (nados entre o 2010 e 2011), e sub 18 masculino e feminino (nados entre 2008 e 2009).

No caso da andaina, non se establecen categorías de participación mais a idade mínima de participación é de 12 ano. Os menores que participen na andaina, deberán de ir acompañados en todo momento por unha persoa adulta maior de 18 anos.

As inscricións estarán abertas ata o mércores 19 de febreiro e o prezo para participar son de 7 euros para a andaina e trail curto, mentres que para o trail longo é de 11 euros. A recollida dos dorsais será o propio día da proba a partir das 08.15 horas nas instalacións amesás do Real Aeroclub.

Premios e agasallos
Haberá premios para os tres primeiros/as clasificados/as de cada  categoría nos trails, ademais de premios para os tres primeiros equipos federados. Na mesma liña, todos os participantes das probas recibirán un agasallo técnico (que se poderá recoller xunto co dorsal de competición antes de coller os autobuses). A entrega de premios realizarase a partir das 12.45 horas nas instalacións do Real Aeroclub.

Ames presenta a sexta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre e que este ano contará cos mellores deportistas a nivel nacional
Descargas: 

Multimedia

  • Ames presenta a sexta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre e que este ano contará cos mellores deportistas a nivel nacional
  • Ames presenta a sexta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre e que este ano contará cos mellores deportistas a nivel nacional
  • Ames presenta a sexta edición do Trail e Andaina Ribeiras do Tambre e que este ano contará cos mellores deportistas a nivel nacional