Solapas principales

A Escola Municipal de Música de Ames celebrará o Entroido con dous concertos os días 26 e 28 de febreiro

Miércoles, 19 de febrero de 2025

O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames organiza, como vén sendo habitual, unha serie de actuacións para celebrar o Entroido. O primeiro dos concertos será “Entroido Miúdo” o vindeiro mércores 26 de febreiro, ás 19.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, no que actuarán diferentes agrupacións infantís e xuvenís da escola. Por outra banda, o venres 28 de febreiro, ás 19.30 horas, tamén na Casa da Cultura de Bertamiráns, terá lugar o festival de Entroido da EMMA, onde os combos e agrupacións adultas interpretarán diferentes pezas musicais. En total, participarán arredor de 150 alumnos e alumnas en ámbolos dous recitais. Xa se poden adquirir os convites na Billeteira Electrónica do Concello de Ames.

A EMMA organiza, un ano máis, dous recitais con motivo destas vindeiras datas de Entroido. O primeiro dos concertos será o concerto miúdo de Entroido, que se realizará o vindeiro mércores 26 de febreiro, onde se interpretarán un total de 13 pezas de amplos xéneros musicais. O espectáculo dará comezo coa agrupación de música e movemento, que interpretará “Danza de carnavalita” e “La vida es un carnaval” con percusión corporal.

Continuará o combo de voces adultas interpretando “Lollipop” a capella. Así mesmo, será a quenda da agrupación Violín Jóvenes Águilas que tocarán “Braveheart” e “Barbie Girl”. Por outra banda, os asistentes poderán gozar da actuación de “Lose Control” da agrupación de canto e piano.

As últimas actuacións virán da man do combo de Linguaxe Musical, que interpretará “Pou” e “Pedro, Pedro…”. A agrupación de guitarras, acompañada dunha voz solista, traerán un tema de actualidade, con “Die with a smile”.  O Combo da EMMA xunto co combo de voces cantarán un clásico como é “Será porque te amo” e, pechando a velada, o combo xuvenil realizará unha actuación duns 12 minutos na que interpretarán “No se te puede dejar nada”, “Física y química” e “I see red”.

Recital do día 28
A música continuará o vindeiro venres 28 de febreiro, coa realización do festival de Entroido, no que participará o alumnado máis avanzado e experimentado da escola e onde se interpretarán tamén 13 pezas musicais. Abrirán o espectáculo a agrupación “Pesadillas de Aga” coas cancións “Hijos de la Luna” e Secrets. Continuará a agrupación de guitarra interpretando “Ain’t no sunshine” e “Superstition”.

Pola súa banda, o combo de iniciación interpretarán a peza “Perfect”, mentres que o combo de voces cantará a capella “Lollipop”. Darán continuidade ao espectáculo o combo “Nunca é tarde” interpretando a canción “I love you baby” e, deseguido, o combo da EMMA e o de voces cantarán un clásico como é “Waterloo”.

A xornada musical rematará coas actuacións do combo Sax Project interpretando as pezas “Stand by me” e “Viva la vida” e, pechando definitivamente o concerto, o combo de adultos coas pezas “Miña terra galega”, “What’s up” e “Back to black”.

Audicións da EMMA
Por outra banda, o alumnado da Escola Municipal de Música celebrará entre o vindeiro luns, día 24 de febreiro, e o mércores 12 de marzo, unha serie de cinco audicións nas que amosarán os coñecementos adquiridos durante o primeiro semestre de clases. Deste xeito, o alumnado de guitarra, percusión, saxofón, piano, canto e frauta poderá compartir unhas xornadas festivas con compañeiros, amizades e familiares. As audicións terán lugar nas propias instalacións da EMMA, en Aldea Nova, a partir das 17:00 horas.

Nestas xornadas interpretaranse pezas de estilos musicais moi variados a través das que poderán amosar os seus avances. O acto será aberto ao público, co obxectivo de que se desenvolva nun ambiente familiar e o máis distendido posible.

Os encargados de inaugurar as audicións serán os alumnos e alumnas de percusión, o luns 24, ás 18:30 horas. A semana seguinte, será a quenda do alumnado de saxofón, que actuará o martes 25 de febreiro ás 18:00 horas e, unha hora despois, a quenda do alumnado de piano.

O xoves 27 de febreiro actuarán os rapaces e rapazas de canto e frauta ás 18.00 horas. Para finalizar, o mércores 12 de marzo terá lugar a exhibición do alumnado de guitarra, que actuará ás 17:00 horas.

A Escola Municipal de Música de Ames celebrará o Entroido con dous concertos os días 26 e 28 de febreiro

Multimedia

  • A Escola Municipal de Música de Ames celebrará o Entroido con dous concertos os días 26 e 28 de febreiro
  • A Escola Municipal de Música de Ames celebrará o Entroido con dous concertos os días 26 e 28 de febreiro