- Tematica
Ames pechará a súa programación de Entroido de 2025 este venres, día 7, coa celebración do Entroido Amessan. Deste xeito, ponse fin a unhas xornadas que encheron as rúas do concello de música, baile, disfraces e moita diversión. O pasado domingo, día 2, Milladoiro acolleu o desfile e concurso de disfraces, no que participaron máis de 200 persoas entre todas as categorías. Por outra banda, este luns, día 3, celebrouse en Bertamiráns o concurso de disfraces infantil, no que participaron máis dun cento de rapaces e rapazas.
A programación do Entroido en Ames do 2025 pon a súa fin este vindeiro venres, día 7, coa celebración do Entroido Amessan, a última das actividades da programación deste ano. Así, péchanse unhas xornadas nas que as rúas do concello estiveron cheas de música, baile, disfraces e moita diversión, cunha gran variedade de propostas para facer gozar á veciñanza amesá nestas datas festivas.
Pola súa banda, o alcalde de Ames e concelleiro de Cultura, Blas García, destacou que “esta extensa programación de Entroido perseguía o obxectivo de dinamizar as nosas rúas e facer posible o desfute de toda a familia. Estamos moi contentos coa resposta e a implicación da veciñanza”.
O alumnado máis novo da Escola Municipal de Música de Ames foi a encargada en inaugurar a programación do Entroido deste ano, coa celebración do concerto miúdo o pasado mércores 26 de febreiro en Bertamiráns. Ademais, a EMMA tamén ofreceu o pasado día 28 de febreiro o seu xa tradicional Festival de Entroido, no que o alumnado máis avanzado da escola fixo gozar aos asistentes dun recital cunha gran variedade de pezas musicais para todos os gustos.
Por outra banda, o sábado 1 de marzo, tivo lugar a Festa de Entroido na Praza da Maía, unha xornada na que os asistentes puideron gozar ao longo de toda a tarde dunha exhibición de baile a cargo do Club deportivo de baile Danzaya, na que se interpretaron diferentes estilos musicais, e da actuación musical de Dani Barreiro.
Desfile de disfraces no Milladoiro
O pasado domingo, O Milladoiro acolleu unha das actividades máis destacadas do Entroido, o concurso e desfile de disfraces. Nesta edición, participaron máis de 200 persoas, a gran maioría veciñas e veciñas de Ames, que encheron as rúas da localidade dun ambiente festivo cos disfraces e carrozas máis orixinais ao longo de toda a tarde. Ademais, a festa contou coa música da Charanga Mekánica.
Na categoría de grupos de máis de 10 persoas, os premiados foron os seguintes:
- Bugallidix invade Ames
- Pasitos de Sol y Luna
- Os Tolos Sen Frenos
En canto á categoría de grupos inferiores a 10 persoas, os premiados foron:
- Fantasía Oriental
- GRANJI
Por último, os premiados na categoría individual foron os seguintes:
- Me gusta la Fruta
- Shiva Ladiosa
- Y no estaba Muerto
Concurso de disfraces infantil
Por outra banda, o pasado luns, día 3, a Praza da Maía acolleu a festa e concurso de disfraces infantil, no que os máis pequenos puideron gozar dunha tarde de Entroido con obradoiros de maquillaxe, picadiscos e o ambiente máis festeiro. Finalmente, participaron máis de 100 rapaces e rapazas na edición do concurso de disfraces infantil deste ano.
Os gañadores na categoría de grupos foron:
- Xirarei
- Fantasía de Carteiros
- En Estereo
Por outra banda, os premiados na categoría individual resultaron:
- Bruxa do Couto
- Marciano
- Las abuelas acróbatas
Festa do cocido dos maiores
Neste martes de Entroido celebrouse unha nova edición da festa do cocido dos maiores, ao que asistiron arredor de 700 veciños e veciñas de Ames. Deste xeito, os maiores de 65 anos do noso concello gozaron dunha xornada en exclusiva para eles na que puideron degustar os pratos tradicionais do Entroido, como o cocido galego e as orellas, e bailar ao longo de todo o serán coa música do dúo Plan B.
Entroido Amessan
O Entroido rematará en Ames este vindeiro venres día 7 coa celebración do Entroido Amessan, unha festa dedicada tamén aos nosos maiores na que poderán gozar de moita música e troula ao longo de toda a tarde.