Solapas principales

Ames recibiu máis de 400 consultas nas súas oficinas de consumo no 2024, maioritariamente sobre o sector financeiro

Jueves, 06 de marzo de 2025

O Concello de Ames, xunto coa Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), presentou na mañá de hoxe o informe sobre os datos de consumo nas oficinas municipais nesta materia no pasado ano. Deste xeito, as oficinas da UCGAL situadas nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro recibiron ao longo de todo 2024 un total de 425 consultas, producíndose a maior parte no primeiro semestre do ano e no sector financeiro. A oficina da UCGAL do Milladoiro, localizada na Rúa Viorneira, ofrece atención os martes en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30, mentres que a de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, está aberta os xoves, co mesmo horario de atención. O teléfono para poñerse en contacto coas oficinas da UCGAL no noso concello é o 662 130 312.

O Concello de Ames, en colaboración coa Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), presentou na mañá de hoxe, no Salón de Plenos, os datos das oficinas de asesoramento da UCGAL no noso concello. Deste xeito, as oficinas da UCGAL situadas, unha no Milladoiro e outra en Bertamiráns, recibiron ao longo deste pasado 2024 un total de 425 consultas, producíndose a maior parte delas no primeiro semestre do ano.

Ao acto acudiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o secretario xeral da UCGAL, Miguel López Crespo, e o responsable dos puntos de información da UCGAL en Ames, Félix Caramés Blanco.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, destacou que “estes puntos de información son moi necesarios en Ames, é algo que levamos facendo dende o 2016 e é un servizo que todos os concellos deberían de ter xa que é moi necesario para a veciñanza, sobre todo para aqueles aos que lles resulte máis difícil entender certas cuestións”.

Na mesma liña, o secretario xeral da UCGAL, Miguel López, subliñou que “un dos principais obxectivos que se perseguiu dende o primeiro momento con este convenio é darlle resposta ao un conxunto importante de persoas consumidoras que precisan unha atención máis personalizada e unha información que exceda o que adoitan a ofrecer as empresas”.

Pola súa banda, o responsable dos puntos de información da UCGAL no Concello de Ames, Félix Caramés, explicou os temas máis consultados en ambas oficinas, “as principais consultas foron relacionadas co sector financeiro, electricidade e telefonía. Con todo, cómpre destacar a subida no número de consultas e dúbidas con respecto ao tema dos alugueiros”.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “este servizo maioritariamente faise de forma presencial. É fundamental que calquera consumidor, de dentro e de fóra do noso concello, poida dirixirse a unha das nosas oficinas e realizar esas consultas de forma presencial, xa que é moito máis doada a comunicación e facilita a documentación”.

Un primeiro semestre marcado polas hipotecas
Os primeiros seis meses do 2024 estiveron marcados polo número de consultas en canto aos gastos hipotecarios, sendo un 36,8% das consultas realizadas. Isto debeuse, en gran parte, ao anuncio de que o prazo para poder reclamar estes gastos remataba o 12 de abril, producindo así un alto número de consultas e reclamacións en canto a esta materia. De seguido, materias como a electricidade ou a telefonía seguiron a ser das máis consultadas. O número de consultas neste período foi de 255.

Por unha banda, a oficina situada no Milladoiro recibiu a súa maior parte de consultas en canto a servizos básicos, destacando por exemplo as consultas en cando ao gas. Por outro lado, en Bertamiráns, a temática das consultas é máis diversa, poñendo de manifesto as dúbidas con respecto a estafas bancarias ou o sector dos servizos de viaxe ou o comercio.

En canto á idade das persoas que fan uso destas oficinas de información, na súa maior parte procede de persoas menores de 65 anos. Con todo, neste período influíu de forma considerable o problema relacionado cos gastos hipotecarios mais as persoas maiores acoden aos puntos de información fundamentalmente polos subministración de electricidade, gas e auga.

Pódese consultar o informe completo deste período na seguinte ligazón.

Un segundo semestre no que a electricidade foi protagonista
O número de consultas neste período, que abrangue os principais meses vacacionais, foi menor, sendo en total 170. Deste xeito, as principais materias de consulta volveron a ser a banca e a electricidade, resultando esta última cun gran aumento. Cómpre salientar a subida de consultas relacionadas coa materia de viaxes, sobre todo en canto aos reclamos por billetes de tren e avión.

En canto ás consultas realizadas no Milladoiro, a maior parte foron relacionadas coa electricidade, cun 21,8%, duplicando ás realizadas na localidade de Bertamiráns. Por outra banda, o sector financeiro volveu a estar entre as principais consultas neste período. Cómpre resaltar o aumento de consultas con respecto ao sector das viaxes no Milladoiro, pois no primeiro semestre de 2024 foron case inexistentes.

Así mesmo, na oficina de Bertamiráns o sector financeiro volveu a ser o máis consultado, cun 24,7%, seguido das viaxes, cun 19,1% e a telefonía, cun 14,6%. Neste punto de atención, é máis frecuente que acuda xente de concellos limítrofes.

De novo, a idade das persoas que acudiron aos puntos de atención foi, na súa maior parte, de cidadáns menores de 65 anos.

Pódese consultar o informe completo do segundo semestre do 2024 na seguinte ligazón.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames atendió 436 consultas en su servicio de consumo, la mayoría por dudas financieras

El Correo Gallego: "Hipotecas e electricidade acaparan a maior parte das consultas a Consumo en Ames"

AMSGO!: "Ames presenta xunto coa Unión de Consumidores de Galicia, un informe cos datos de consumo das oficinas da UCGAL localizadas no concello"

Ames recibiu máis de 400 consultas nas súas oficinas de consumo no 2024, maioritariamente sobre o sector financieiro

Multimedia

  • Ames recibiu máis de 400 consultas nas súas oficinas de consumo no 2024, maioritariamente sobre o sector financieiro
  • Ames recibiu máis de 400 consultas nas súas oficinas de consumo no 2024, maioritariamente sobre o sector financieiro
  • Ames recibiu máis de 400 consultas nas súas oficinas de consumo no 2024, maioritariamente sobre o sector financieiro
  • Ames recibiu máis de 400 consultas nas súas oficinas de consumo no 2024, maioritariamente sobre o sector financieiro