Solapas principales

O auditorio do Milladoiro acolle este xoves a estrea do espectáculo de danza “Dance Join” de Marta Alonso

Lunes, 17 de marzo de 2025

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa súa programación de artes escénicas para este 2025, desta volta coa estrea do espectáculo de danza e clown “Dance Join”, de Marta Alonso. A actuación terá lugar este xoves, 20 de marzo, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. As portas abriranse ás 20.15 horas e prégase puntualidade a todas as persoas asistentes. A ocupación ata o momento é do 21% das butacas dispoñibles. Aínda se poden adquirir entradas para asistir na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

O Ames Cultural 2025 continúa coa súa programación neste mes de marzo no que se conmemora o vindeiro día 27 o Día Mundial do Teatro. O auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá, este xoves día 20, ás 20:30 horas, a estrea do espectáculo de danza e clown “Dance Join”, de Marta Alonso. A representación, combina as modalidades de danza co clown, propoñendo unha visión lúdica e autocrítica do mundo escénico na que a participación co público xoga un papel clave.

Estaba previsto que a peza tivera lugar no anfiteatro do Milladoiro, mais debido ás previsións meteorolóxicas decidiuse realizalo finalmente no auditorio. Así mesmo, o propio día 20, haberá unha sesión deste espectáculo ás 11.30 da mañá para o alumnado de 2º da ESO do IES do Milladoiro.

“Dance Join” de Marta Alonso
“Dance Join” é unha proposta de espectáculo interactivo que combina dun xeito único e diferente a danza e clown, música e humor. A escenografía da peza é un dos elementos fundamentais do espectáculo, pois todo parte dunha caixa pechada que se emprega como reclamo visual para o público. Deste xeito, comeza a desenvolverse o argumento do espectáculo, no que a caixa sorpresa evoluciona ata converterse nunha pista de baile e, na parte final, nun espazo de photocall no que se convida ao público para expresarse e capturar a súa experiencia.

A través desta proposta, faise unha crítica de numerosas cuestións como as esixencias e explotación no ámbito das artes escénicas, o carácter multidisciplinar como unha grande esixencia profesional neste sector ou tamén a precariedade laboral. Deste xeito, proponse a danza como unha ferramenta e espazo de liberdade para poder esquecer todas estas problemáticas.

Sobre Marta Alonso
Marta Alonso Tejada (Ourense, 1983), é unha artista multidisciplinar e dirixe martaalonsotejada cía. Leva dedicada ao mundo das artes desde o 2008 e conta cunha ampla traxectoria profesional no ámbito da danza, a actuación e a dirección escénica. Conta con varios recoñecementos ás súas costas, destacando os Premios María Casares recibidos no 2021, pola súa actuación e dirección no espectáculo Bailar Agora.

Novas relacionadas:

Lindeiros: "“Dance Join” de Marta Alonso estrease no Milladoiro"

AMSGO!: "O espectáculo “Dance Join” de Marta Alonso chega ao Ames Cultural 2025"

O auditorio do Milladoiro acolle este xoves a estrea do espectáculo de danza “Dance Join” de Marta Alonso