- Tematica
O Club de ciclismo amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay, coa colaboración do Concello de Ames, organizaron este domingo, 16 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2025. Foi a novena ocasión na que o concello acolleu esta cita, unha das máis importantes do ciclismo no noroeste español. Dende 2016 organízase esta proba do circuíto Transgalaica en Ames. En 2021 non se puido realizar debido a situación epidemiolóxica derivada da Covid-19. Nesta edición chagaron á liña de meta 249 ciclistas, que deron dúas voltas a un circuíto de 33 quilómetros completando un percorrido de 66 quilómetros. Preme nesta ligazón para ver a galería de fotos da Transgalaica.
O concello de Ames acolleu este domingo, 16 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica 2025. Este ano dito circuíto está composto de cinco probas. A primeira proba da Transgalaica 2024 tivo lugar o pasado 2 de marzo no concello de Cerdedo - Cotobade. A segunda proba do circuíto foi a que se desenvolveu en Ames. As tres probas restantes disputaranse a finais de marzo en Silleda e no mes de abril en Friol e Manzaneda.
Os/as participantes tiveron que dar dúas voltas a un circuíto de 33,14 quilómetros completando un percorrido de 66,28 quilómetros. A proba comezou ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Augapesada, seguindo por Lamas, ata chegar ás instalacións do Real Aeroclub de Santiago en Piñeiro, o Monte San Marcos e Ventosa. Dende aí volveuse ata Bertamiráns por Aldea Nova.
Unha das principais novidades deste ano foi a incorporación adicional dunha carreira sprint, na que o seu resultado computou puntos para a clasificación xeral absoluta da Transgalaica. Só puntuaron os primeiros 25 clasificados en pasar pola liña de meta na primeira volta. Por motivos loxísticos e de seguridade, estableceuse un control de paso no quilómetro 33 da proba, ao final da primeira volta ao circuíto. Os/as participantes que non pasaron por el antes de 2 horas e 10 minutos tiveron que retirarse clasificando co tempo marcado nese punto.
O alcalde de Ames, Blas García, e maila concelleira de Deportes, Susana Señorís, acompañados doutros concelleiros e concelleiras do goberno municipal seguiron a proba dende varios puntos do circuíto. Posteriormente, participaron no acto de entrega de premios con varios concelleiros e concelleiras dos grupos municipais do Partido Popular e do Bloque Nacionalista Galego.
Clasificación xeral masculina e feminina
Na categoría masculina os tres primeiros ciclistas en chegar á liña de meta foron: Diego Álvarez Alonso, do Club ciclismo Podium Team AD, cun tempo de 2:45:12 (da categoría Master 30); Daniel García Castaño, do Club de montaña Xesteiras, cun tempo de 2:46:29 (da categoría Elite); e Brandan Márquez Fernández, do Club V Bikes Team, cun tempo de 2:49:37 (da categoría Elite).
Por outra banda, na categoría feminina a primeira ciclista en cruzar a liña de meta foi Tamara Seijas Fernández, do Club RG Bikes Scott Team, cun tempo de 3:30:03 (da categoría Elite-Sub 23). A segunda en chegar á meta foi Mar Delgado González, do Club Monteneme, cun tempo de 3:35:30 (da categoría Elite-Sub 23); mentres que a terceira en completar o percorrido foi Raquel Román Sarmiento, do Club ciclista Bici Verde, cun tempo de 3:39:34 (da categoría Elite-Sub 23).
Gañadores/as da categoría Elite e Máster 30
Na categoría Elite masculina os tres primeiros clasificados foron Daniel García Castaño, do Club de montaña Xesteiras, cun tempo de 2:46:29; Brandan Márquez Fernández, do Club V Bikes Team, cun tempo de 2:49:37; e Ignacio Casal Vázquez, tamén do Club deportivo Extol MTB Team, cun tempo de 2:52:44. Na categoría Elite-Sub 23 feminina as tres primeiras clasificadas coinciden coas tres primeiras ciclistas que chegaron á liña de meta.
Na categoría Máster 30 masculina os tres primeiros clasificados foron Diego Álvarez Alonso, do Club ciclismo Podium Team AD, cun tempo de 2:45:12; José Carlos Canosa Bouzada, do Club de montaña Xesteiras, cun tempo de 2:54:00; e Francisco Javier Vilas Arjones, do do club Sanomedio ACD, cun tempo de 2:54:21.
Na categoría máster feminina a primeira foi Rebeca Muñoz Narciso, do Club de montaña Xesteiras, cun tempo de 3:51:42; e en segunda posición quedou Olalla Duro Liñares, do club BTT O Treito, cun tempo de 4:05:55. Premendo nesta ligazón podes consultar as clasificacións de todas as categorías.
Operativo de seguridade
Esta proba contou coa colaboración da Agrupación de Protección Civil de Ames e doutros concellos da comarca, dos/as axentes da Policía Local de Ames e do persoal auxiliar do Club Os Esfola Arrós, que estiveron repartidos ao longo dos 33 quilómetros que tiña o circuíto para atender posibles incidentes.