Solapas principales

150 alumnos/as do CEIP da Maía coñecen o funcionamento de Ames Radio

Miércoles, 19 de marzo de 2025

Ames Radio abriu as súas portas durante as últimas semanas para que arredor de 150 alumnos/as do CEIP da Maía puidesen coñecer o funcionamento da radio municipal. As visitas realizáronse repartidas en seis grupos de arredor de 25 rapaces e rapazas cada un. Os alumnos/as de terceiro e cuarto de primaria estiveron acompañados por profesorado do centro. Esta iniciativa, que resultou moi enriquecedora para os/as nenos/as, está motivada porque no CEIP da Maía pretende crear a súa propia emisora de radio no centro.

Co obxectivo de achegar a radio municipal á veciñanza, o Concello de Ames volveu abrir as portas de Ames Radio. Desta volta foi ao alumnado do CEIP da Maía. Durante os días 19, 20 e 21 de febreiro e 11, 13 e 14 de marzo, seis grupos de rapaces e rapazas que cursan terceiro e cuarto de primaria achegáronse ata as instalacións de Ames Radio para coñecer máis de preto o seu funcionamento.

Deste xeito, pola radio municipal pasaron arredor de 150 rapaces e rapazas acompañados dos seus profesores/as. Dende o CEIP da Maía están traballando para tratar de crear unha emisora de radio. Debido a iso dende o centro solicitaron a colaboración de Ames Radio para que o seu alumnado puidese coñecer o funcionamento dunha emisora de radio. Os xornalistas de Ames Radio, Juan Luis Silva e Belén Martínez, foron os encargados de recibir aos rapaces e rapazas e de explicarlles o seu traballo diario.

En primeiro lugar explicóuselles para que serve a mesa de control e como se emiten as voces que se recollen a través dos micrófonos do estudo de locución e maila música e audios que se reproducen a través dun ordenador. Os rapaces e rapazas tamén puideron escoitar os espazos políticos previos ao comezo do magazine Somos Ames. De seguido, participaron en dito programa falando de diferentes temas: do programa Modo Galego, da festa de Entroido, da profesión que lles gustaría ser de maiores, etc.

Ames Radio leva funcionando dende xullo de 2007 e pode sintonizarse en todo o territorio municipal e parte da comarca a través do 107.2 da FM. A radio municipal ten unha programación deseñada pensando na prestación dun servizo público. A súa grella componse con espazos adicados á información, á música, ao entretemento e á cultura nos que os temas da vida cotiá se traten dunha forma participativa e próxima aos veciños.

Radio Cidadá
Ademais, a radio municipal ofrece á posibilidade de que a propia veciñanza amesá faga o seu propio programa de radio, a través da convocatoria de programas de radio cidadá. Os programas de Radio Cidadá, pertencentes á convocatoria 2024-2025, comezaron a emitirse o pasado 15 de outubro.

Nesta convocatoria hai quince programas, que forman parte da grella de Ames Radio ata mediados do próximo mes de xuño. Nove deles xa foron emitidos en edicións pasadas, pero seis son de nova incorporación. Nos diversos espazos abórdanse temas como a música, historia, protocolo, benestar físico e emocional, mundo dixital, saúde, natureza e integración. Ademais, hai programas sobre a prensa rosa, repaso da actualidade e da sociedade, de consultorio, volta ao pasado e sobre mulleres silenciadas ao longo da historia.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Escolares da Maía descobren o funcionamento de Ames Radio"

150 alumnos/as do CEIP da Maía coñecen o funcionamento de Ames Radio

Multimedia

  • 150 alumnos/as do CEIP da Maía coñecen o funcionamento de Ames Radio
  • 150 alumnos/as do CEIP da Maía coñecen o funcionamento de Ames Radio
  • 150 alumnos/as do CEIP da Maía coñecen o funcionamento de Ames Radio
  • 150 alumnos/as do CEIP da Maía coñecen o funcionamento de Ames Radio
  • 150 alumnos/as do CEIP da Maía coñecen o funcionamento de Ames Radio
  • 150 alumnos/as do CEIP da Maía coñecen o funcionamento de Ames Radio
  • 150 alumnos/as do CEIP da Maía coñecen o funcionamento de Ames Radio