Escarlata Pampín, voceira do grupo municipal do BNG de Ames, incidiu en que “para o noso grupo é prioritario que a veciñanza conte cun parque comarcal de bombeiros” e engadiu. “esta necesidade vén xa de moitos anos atrás, Ames, polo censo que ten, está obrigado a contar cun servizo propio de bombeiros e seguimos carecendo desta prestación absolutamente imprescindible”.
Pampín coincidiu tamén con Goretti na exixencia de que a comarca de Santiago dispoña dun Plan de Transporte Metropolitano acorde ás demandas da poboación, “porque un bo sistema de transporte público fomenta a igualdade e a cohesión do territorio” manifestaron.
A pertinencia dunha AP-9 pública,galega e gratuíta en todo o país, é tamén un tema de total acordo entre ambas. “O goberno central ten a obriga de rematar o proceso de transferencia da titularidade e competencias sobre a AP-9” afirman “non debemos esquecer que a concesión desta autoestrada que concluía orixinariamente en 2012, está agora mesmo prorrogada ata 2048 e é unha concesión investigada por Europa tras tres prórrogas distintas” recalcan.
A depuradora da Silvouta ou a senda que unirá Santiago co Milladoiro, foron outras das cuestións tratadas nesta xuntanza en Compostela.