Solapas principales

O auditorio do Milladoiro acolle o venres, 25 de abril, o espectáculo de danza contemporánea “Pioneiras”

Lunes, 21 de abril de 2025

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa súa programación de artes escénicas neste primeiro semestre de 2025. Nesta ocasión, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acollerá este venres, 25 de abril, ás 20.30 horas, a representación do espectáculo de danza contemporánea Pioneiras, da compañía iXa. As portas abriranse ás 20.15 horas e prégase puntualidade a todas as persoas asistentes. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. Pódese adquirir as entradas a través da Billeteira electrónica.

A segunda das actuacións de danza será a do espectáculo Pioneiras, da compañía iXa, que se representará o 25 de abril, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. A obra, protagonizada por 9 mulleres, busca destruír os prexuízos asociados ao xénero e, deste xeito, tamén homenaxear e conmemorar ás mulleres que comezaron a loita pola igualdade. Outra das temáticas que se narra na obra é a procura de transformar a individualidade do ser humano.

Pioneiras recolle na súa identidade os principios fundamentais do proxecto iXa: traer á escena temáticas que xeren conciencia crítica e conecten coa humanidade, apostando por cuestións sociais, de perspectivas de xénero, de contido LGTBIQA+, etc.

Pioneiras une nunha experiencia de danza a infinitos tipos de mulleres, abandeira o clixé e destrúe o prexuízo sobre o xénero. Homenaxea ás pioneiras, ás que iniciaron a batalla pola igualdade, acompaña ás que seguen pelexando e conmemora ás que non tiveron a oportunidade de vencer. Baixo a poética da modelaxe e a natureza, Pioneiras introduce á espectadora nun universo de almas fortes e loitadoras, nun mundo único de amor e respecto por cada individuo, pero sobre todo procura transformar a individualidade do ser humano na unidade dunha sociedade igualitaria.

Compañía iXa
iXa nace como unha compañía de danza con identidade mixta entre Galicia, Euskadi e Navarra que ten como eixo artístico a creación escénica contemporánea pensada especificamente para públicos non especialistas, traballando con dramaturxias accesibles e elementos que conecten co imaxinario colectivo.

Tamén crearon obras para outras plataformas como a EDCM de Montreal, A compañía DAB de Euskadi ou o CDAN de Lugo. Ademais foi convidada os centros de formación máis importantes do país como o Conservatorio Superior de Madrid e o Institut do Teatre para compartir a súa metodoloxía e repertorio cos futuros profesionais do sector.

O auditorio do Milladoiro acolle o venres, 25 de abril, o espectáculo de danza contemporánea “Pioneiras”