- Tipo
- Tematica
Este sábado, 26 de abril, a praza da Maía de Bertamiráns acollerá a cuarta edición da Feira de Saúde e Benestar, organizada polo Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción da Saúde, e que se centra nos hábitos saudables. A partir das 11:00 horas e ata as 20:00 horas, un total de 12 asociacións participarán neste evento cos seus stands para proporcionar información sobre a súa labor a todas aquelas persoas que se acheguen ata a feira. Ademais, impartiranse dous faladoiros na Casa dos Maiores sobre as etiquetas alimentarias a cargo da dietista, nutricionista e xerontóloga, Áurea Casáis Martínez; e sobre a alimentación e o deporte como canalizadores das emocións a cargo da psicóloga, Belén Montesa. Por último, haberá actividades deportivas como unha sesión de ioga, outra de taichi, e unha andaina polo Rego dos Pasos.
Durante a xornada do sábado, 26 de abril, desenvolverase na praza da Maía de Bertamiráns a cuarta edición da Feira da Saúde e Benestar, de 11:00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20:00 horas. Haberá 12 stands no que estarán presentes 12 asociacións: ALCER, ANEDIA, ACEM, AECC, Alcohólicos Anónimos, ASANOG, AEPPNA, AGADEA, Dano cerebral, Fonte da Virxe, QuerENDO e Andade. Estas asociacións disporán dun posto para proporcionar información sobre a súa labor a todas aquelas persoas que se acheguen ata a praza. Ademais, o Concello de Ames tamén disporá dun stand para proporcionar información sobre as actividades que realiza dentro do departamento de Promoción da Saúde.
A inauguración da Feira farase as 11.00 horas na carpa instalada na praza da Maía. De seguido, ás 11:15 horas, comezarán as actividades cunha sesión de ioga impartido por India&Tai na praza da Maía. Ás 12.15 hora haberá diversas presentacións das entidades participantes; e ás 12.45 horas na Casa dos Maiores que está situada na propia praza da Maía, impartirase unha charla sobre as etiquetas alimentarias a cargo da dietista, nutricionista e xerontóloga, Áurea Casáis Martínez.
A programación da tarde comezará ás 17.00 horas cunha nova sesión de presentacións a cargo das entidades participantes. De seguido, ás 17.30 horas farase unha andaina polo Regos dos Pasos, da que se encargará a técnica municipal da Aula da Natureza, Patricia Reboreda. O punto de saída e chegada da andaina estará instalado na carpa da praza da Maía.
Ás 18.00 horas comezara un novo faladoiro na Casa dos Maiores, neste caso sobre a alimentación e o deporte como canalizadores das emocións a cargo da psicóloga, Belén Montesa. Ás 19.00 horas impartirase outra actividade deportiva na praza da Maía, neste caso unha sesión de taichi, da que volverá a encargarse India&Tai. O peche da feira está previsto para as 20.00 horas.
