- Tematica
A rapazada amesá conta con 10 prazas para participar nos campamentos deportivos de verán organizados pola Deputación da Coruña, que se desenvolverán no IES Rosalía Mera, na cidade da Coruña. A cota de inscrición, de 85 euros, inclúe o transporte interno, a estadía e a manutención na residencia, así como calquera gasto que ocasionen as actividades realizadas ao longo dos días de estancia.
O programa destes campamentos deportivos inclúe unha ampla variedade de actividades deportivas e culturais, como deportes náuticos, actividades ao aire libre, xornadas de praia, actividades no centro, ou visitas culturais, deportivas e etnográficas. Deste xeito, levaranse a cabo actividades e xogos que teñan elementos que fomenten a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais.
Para a actividade, na que pode inscribirse toda aquela rapazada de entre 9 e 14 anos xa cumpridos (nada entre o 1 de xaneiro de 2009 e o 31 de decembro de 2014), recoméndase levar tanto roupa de rúa como deportiva, así como toallas e útiles de aseo, un saco de durmir, unha lanterna, gafas para o sol e crema protectora, un chuvasqueiro e unha mochila pequena.
Información sobre o proceso de inscrición
A inscrición debe de formalizarse ata o 7 de xuño, de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas, nos rexistros municipais da Casa do Concello de Bertamiráns, das oficinas municipais do Milladoiro, ou ben a través da Sede electrónica do Concello de Ames. As persoas responsables dos menores que queiran participar deben entregar a ficha de inscrición cumprimentada e asinada e unha copia do documento de identidade ou libro de familia. Unha vez confirmada a praza, débese entregar unha copia do aboamento da cota de inscrición.
No caso de que algunha nena ou neno participante precise dun tratamento específico ou sufra dalgunha doenza que haxa que ter en conta, haberá que achegar un xustificante médico asinado polo facultativo pertinente. Tamén é importante especificar as alerxias alimentarias ou de calquera outro tipo.
Se unha vez finalizado este prazo hai máis inscricións que prazas dispoñibles, procederase á realización dun sorteo público o 9 de xuño, ás 12:00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. Neste sorteo terán preferencia aquelas mozas e mozos que non participaran nestes campamentos en edicións anteriores.
Para máis información pódese acudir á páxina web da Deputación da Coruña www.dacoruna.gal/deportes/campamentos-deportivos, ou ben chamar ao número de teléfono 981 08 03 19.