Solapas principales

Aberto ata o 13 de decembro o prazo para VOTAR nos Orzamentos Participativos Ames 2020

Lunes, 7 diciembre, 2020
O Concello de Ames vén de abrir a votación dos Orzamentos Participativos do 2020. O prazo de votación estará aberto ata o vindeiro 13 de decembro. Ao longo das dúas próximas semanas tamén se poderá votar de forma presencial nos locais sociais das parroquias para garantir o dereito ao voto das persoas sen medios e competencias dixitais.

Pódese participar na votación de xeito telemático a través do seguinte enlace: https://opames2020.cidadania.coop/login. Para votar hai que rexistrarse previamente co número de DNI ou cun enderezo de correo electrónico e cunha contrasinal para acceder ao portal de votación.

Tamén se pode votar de xeito presencial nos locais sociais das parroquias se non se dispón de medios telemáticos. Hoxe comeza no local social de Trasmonte a posibilidade de votar de forma presencial. Lembrade que para facer a votación de forma presencial hai que levar o DNI. Consultade o calendario de votacións premendo nesta ligazón.

Quen pode votar
Cada persoa empadroada en Ames poderá votar nos 6 ámbitos ou partidas de gasto sobre as que se realizaron as propostas: investimentos rural, investimentos mocidade, actividades para mocidade, muller, cultura e medio ambiente. O referendado das dúas partidas de mocidade estará pechado ao censo comprendido entre os 16 e os 30 anos.

Cada persoa votará 3 propostas de cada ámbito ou partida de gasto. Así, asignaránselle 3 puntos á proposta máis valorada, 2 á seguinte e 1 punto á última.

Sistema de votación de propostas
O sistema de votación prioritario será o electrónico a través da plataforma electrónica con acceso desde a Web Municipal e para poder votar haberá que rexistrarse cun correo electrónico e unha clave.

Tamén se habilitarán espazos presenciais de votación nas parroquias nos que poderán votar aquelas persoas que non dispoñan de medios electrónicos e garantir así o dereito ao voto de toda a veciñanza amesá que se achegue. Para iso publícase un calendario de votación presencial nas distintas parroquias de Ames que se desenvolverá desde o luns 30 de novembro ata o xoves 10 de decembro.

Comprobarase a validez dos votos unha vez pechado o prazo de votación e eliminaranse todos os votos duplicados que se fagan de maneira presencial e telemática, así como os daquelas persoas que non estean empadroadas.

Publicación de resultados
O Concello de Ames ten previsto facer públicos os resultados finais do proceso na semana do 14 ao 18 de decembro.

Para calquera dúbida ou consulta sobre os Orzamentos Participativos o Concello ten habilitadas dúas vías de contacto coa asesoría técnica do proceso: por correo electrónico en opames2020@cidadania.coop ou telefónicamente no 674 805 085.