Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición da actividade "Un bico para Alí", do programa Apego

Miércoles, 16 noviembre, 2022
Dende hoxe, mércores 16, e ata o vindeiro mércores 23 de novembro está aberto o prazo para inscribirse na actividade do programa Apego “Un bico para Alí”, unha sesión de narración oral e cancións pensada para nenos e nenas a partir de tres anos, que terá lugar o día 24 de novembro na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 18:00 horas. Para anotarse é necesario enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e apelidos dos asistentes, a idade das crianzas que vaian a participar e un teléfono de contacto.

“Un bico para Alí” narra a historia de Antón, un rapaz con diversidade funcional por mor dun vento triste que lle levou a fala. Estrañado polo comportamento do seu compañeiro, Alí intentará axudalo a comunicarse botando man de contos, xogos e cancións.

A actividade enmárcase dentro do programa Apego, un proxecto cooperativo de varios concellos dirixido a familias con nenos e nenas de entre 0 e 6 anos, e que ten como obxectivo a difusión do galego a través de obradoiros e recursos para os máis pequenos.

Multimedia