Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición para a Escola de Verán

Lunes, 26 abril, 2021
Dende o 26 de abril está aberto o prazo de inscrición para participar na Escola de Verán, unha oferta educativa e de ocio concibida para conciliar a vida laboral e familiar dos veciños e veciñas de Ames durante o período non lectivo dos meses de xullo e agosto. O servizo está dirixido aos nenos e nenas de Ames que durante o prazo de inscrición estean escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria. A presentación de solicitudes poderá realizarse de xeito telemático a través da Sede electrónica do Concello de Ames ou de xeito presencial nas oficinas de rexistro de Bertamiráns e do Milladoiro, baixo cita previa. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o luns, 10 de maio. Conforme ao estipulado no artigo 14 do Regulamento da Escola de Verán, todas as solicitudes presentadas fóra de prazo irán a unha listaxe de agarda.

A Escola de Verán é unha oferta educativa e de ocio concibida para conciliar a vida laboral e familiar dos veciños e veciñas de Ames durante o período non lectivo das vacacións de verán comprendido entre o 1 de xullo ata o 31 de agosto de 2021. Desenvolverase de luns a venres, agás festivos. O servizo ofrece unha ampla oferta de actividades dirixidas a fomentar a convivencia, a tolerancia e a integración. Así, as cativas e cativos poderán participar en diversos xogos e exercicios a través dos que se buscará que aprendan a valorar e gozar da actividade física e o respecto polo contorno, ademais de enfocarse no divertimento e a creatividade.

O programa de conciliación  está dirixido ás familias empadroadas e residentes no concello de Ames, que teñan nenas e nenos escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil ou en Educación Primaria. O programa desenvolverase en Bertamiráns (CEIP da Maía) e no Milladoiro (EEI Milladoiro e CEP de Ventín). O prazo de inscrición estará aberto desde o 26 de abril de 2021 ata o 10 de maio de 2021, ámbolos dous días incluídos. Conforme ao estipulado no artigo 14 do Regulamento da Escola de Verán, todas as solicitudes presentadas fóra de prazo irán a unha listaxe de agarda.

A Escola de Verán permite que as familias inscriban ás crianzas en función das súas necesidades de conciliación, ofertando tamén un servizo de almorzo, que comeza ás 7.30 horas, e outro de xantar, cuxas usuarias e usuarios deberán ser recollidos antes das 16.00 horas. O horario das actividades irá das 9.00h ás 14.30 horas. Desta maneira, as familias poderán combinar servizos e horarios segundo precisen. As monitoras e monitores coidarán das cativas e cativos en todo o momento. Aquelas nenas ou nenos con necesidades especiais contarán coa atención individualizada dun monitora ou monitor durante todo o programa.

Desenvolvemento da Escola de Verán
Os centros habilitados para a realización do programa serán, no Milladoiro, a Escola de Educación Infantil (para os/as alumnos/as escolarizados durante o curso 2020/2021 nalgún dos niveis do segundo ciclo de educación infantil) e o CEP de Ventín (para os/as alumnos/as matriculados/as durante o curso 2020/2021 nalgún dos niveis de educación primaria). En Bertamiráns, os/as usuarios/as acudirán ao CEIP A Maía.

Antes do inicio do programa vaise elaborar e publicar o plan de adaptación da Escola de Verán 2021 coas recomendación e medidas que estableza a Xunta de Galicia para o desenvolvemento das actividades de educación non formal, ocio educativo e tempo libre adaptadas á situación COVID-19. Ademais, establecerase, de ser necesario, antes de publicar a listaxe provisional de admitidos e excluídos, o número máximo de prazas dispoñibles para a Escola de Verán. A asignación de ditas prazas farase conforme ao estipulado no artigo 17 do Regulamento da Escola de Verán.

Número máximo de usuarios e listaxe de agarda
No caso de que mediante decreto de alcaldía se estableza un número máximo de prazas, procederase da seguinte maneira: terán preferencia as unidades familiares onde todos os proxenitores xustifiquen debidamente a necesidade de conciliación. En caso de que as inscricións presentadas dentro do prazo sinalado no artigo 14 excedan as prazas dispoñibles, efectuarase un sorteo público para determinar a lista de usuarios do servizo, pasando as persoas excluídas a integrar unha listaxe de agarda.

Pola contra, de existir máis prazas que solicitudes, poderán acceder ao servizo aqueles nenos e nenas pertencentes a unha unidade familiar na que soamente un dos proxenitores/titores necesite conciliar a súa vida laboral e familiar. De existir máis solicitudes que prazas farase un sorteo público, pasando as persoas excluídas a integrar unha listaxe de agarda. Todas as inscricións presentadas fóra de prazo producirán a entrada do/a neno/a na listaxe de agarda correspondente a continuación das presentadas dentro do prazo.

A orde na lista será establecida seguindo os criterios anteriores, é dicir terán preferencia as unidades familiares onde todos os proxenitores xustifiquen debidamente a necesidade de conciliación. Será o Concello o que, por motivos de organización, dispoñibilidade de orzamento e en función de posibles baixas sobrevidas, determine o número de prazas dispoñibles para dar entrada a nenos e nenas das listaxes de agarda, neste caso os/as nenos/as irán entrando no programa seguindo estritamente a orde na que figuren na listaxe de agarda correspondente.

No caso da necesidade de realizar o sorteo para cubrir as prazas de Escola de Verán, as solicitudes de irmáns trataranse segundo o seguinte: na mesma papeleta irán todos os irmáns xuntos, dispoñendo de tantas prazas coma irmáns estean previamente admitidos nas listaxes provisionais. Os casos de emerxencia social debidamente acreditados polos Servizos Sociais do Concello de Ames terán preferencia para entrar no programa.

Tramitación das inscricións
Para inscribirse neste servizo, as familias deberán acreditar a súa necesidade de conciliación e estar ao día no pagamento dos servizos municipais ofertados. A documentación poderá ser entregada a través do Rexistro telemático da sede electrónica do Concello de Ames. Outra opción e entregar a documentación de xeito presencial nas Oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). Para elo hai que sacar cita previa a través da Sede electrónica. Tamén se poden presentar as solicitudes en calquera outro rexistro ao que se refire o artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro de procedemento administrativo común das AAPP.

O horario de apertura das dependencias municipais é de 09.00h a 14.00 horas, de luns a venres. O prazo para presentar a documentación remata o vindeiro luns 10 de maio. Para obter máis información, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal. Podes descargar aquí a ficha de inscrición.

Documentación necesaria
No momento de solicitar praza, as familias deberán entregar a solicitude de inscrición e o mandato SEPA (que xa está incluído de forma conxunta co impreso de inscrición), debidamente cubertos e asinados. A solicitude deberá entregarse acompañada dos documentos seguintes: fotocopia do libro de familia completo cotexado; fotocopia do DNI da persoa titular da conta; e documentación que indique a ocupación dos pais/nais ou titores/titoras (certificados de traballo, e de ser o caso certificación de estar realizando cursos de formación ou calquera outra que especifique a necesidade de conciliar a vida laboral e familiar).

De ser o caso, haberá que entregar un informe médico que acredite a necesidade de dieta ou calquera outro tipo de tratamento especial. O libro de familia só se entregará nos casos en que non se tivese presentado no departamento de Educación, ou se producise algún cambio na situación familiar. No caso de ruptura da unidade familiar, deberá traer a documentación que o xustifique. A copia do DNI só se entregará nos casos en que non se tivese presentado no departamento de Educación e siga vixente.

Multimedia