Solapas principales

Aberto o prazo de inscrición para novo alumnado da EMMA no curso 2024/2025

Miércoles, 29 mayo, 2024
Desde o 27 de maio, e ata o venres 7 de xuño, estará aberto o prazo para que novo alumnado presente as súas solicitudes de praza na Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA, de cara ao vindeiro curso 2024-2025. A inscrición pode realizarse a través da Sede electrónica do Concello de Ames, ou ben de xeito presencial nos rexistros municipais, sen necesidade de solicitar cita previa. Está previsto que as clases comecen o 16 de setembro.

A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) abre do 27 de maio ao 7 de xuño o prazo de novas altas de cara ao vindeiro curso 2024-2025, dirixido ao novo alumnado da escola. Premendo nesta ligazón pódese descargar o formulario de solicitude de praza. O período de inscrición abre despois de que o alumnado que xa estivo matriculado durante este ano puidera facelo previamente.

Materias que se imparten e prazas ofertadas
Para o vindeiro curso escolar quedan dispoñibles as seguintes prazas:

  • Música e movemento: 10 prazas para nados/as no 2020 (luns e mércores, de 16:30 a 17:30 horas); 9 prazas para nados/as no 2018 (luns e mércores, de 17:30 a 18:30 horas)
  • Guitarra/ baixo: 3 prazas.
  • Violín/viola: 3 prazas.
  • Frauta traveseira: 4 prazas

As clases de intrumento son individuais, de media hora á semana. Os horarios destas saberanse depois do sorteo para a adxudicación de prazas.

  • Linguaxe musical/Música para adultos: as prazas destas especialidades serán cubertas principalmente por persoas que cursen especialidade instrumental ou vocal. Cando haxa alumnado que solicite só linguaxe musical poderá acceder sempre que queden prazas dispoñibles. Os horarios desta materia organizaraos a docente, tendo en conta a idade e os coñecementos dos alumnos/as.

Inscrición e adxudicación de prazas
Para realizar as solicitudes, as persoas interesadas deberán cubrir este impreso e entregalo na Sede electrónica do Concello, ou ben en calquera dos outros medios recollidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015 (como nos rexistros municipais, onde non será necesario pedir cita previa para realizar o trámite).

Na solicitude deben ir cumprimentados os datos do alumnos/a, instrumento e autorización paterna ou materna en caso de que sexa menor; marcados os recadros de prezos de matrícula, mensualidade e bonificacións (con xustificante); e cubertos os apartados de domiciliación bancaria para o pagamento das cotas mensuais e de autorización de imaxe.

A adxudicación de prazas farase por sorteo o mércores 12 de xuño ás 11:30 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. O sorteo, ao que non é preciso asisitir, farase tendo en conta a primeira especialidade solicitada por cada alumno/a. No caso de non obter praza, quedará en lista de reserva da mesma especialidade, con opción á lista de reserva da segunda especialidade solicitada cando esta se esgote.

Tras o sorteo, dende a EMMA poñeranse en contacto coas persoas que obtiveron praza, para que, por orde, no prazo máis breve posible, confirmen o horario da especialidade instrumental/vocal, dentro dos que queden dispoñibles. A continuación, darase de prazo ata o 26 de xuño para que os alumnos/as que obtiveron praza a confirmen, abonando o importe da matrícula. Deste xeito, o alumnado que non estea exento do pago (véxanse as exencións no Artigo 7 da Ordenanza reguladora dos prezos públicos pola prestación dos servizos da Escola Municipal de Música de Ames) recibirá un correo electrónico coa autoliquidación da taxa correspondente. Unha vez pagada, deberán entregar o xustificante, enviándoo ao enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal.

Para máis información, pódese contactar coa EMMA a través do enderezo electrónico escolademusica@concellodeames.gal, ou ben a través do teléfono 981 535 940, en horario de 9:00 a 14.00 horas. Está previsto que as clases na Escola Municipal de Música de Ames comecen o 16 de setembro. Estas impártense no edificio multiusos de Aldea Nova e seguen o calendario escolar, polo que non haberá actividade nas vacacións de Nadal, de Entroido e de Pascua