- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Deportes e Promoción da Saúde, organiza unha nova actividade dentro do programa “Andainas Saudables”. Desta vez, percorrerase a segunda etapa do Camiño Real de Santiago a Fisterra e Muxía, unha ruta que ten un percorrido total de 120 quilómetros e que é a única que ten como orixe de partida a capital galega. Ademais, o itinerario atravesa lugares do noso concello, así como de Negreira, Santa Comba, Mazaricos ou Dumbría.
Deste xeito, continuase coa programación das andainas saudables percorrendo esta ruta de peregrinación. A finais do pasado mes de novembro realizouse a primeira etapa que, en gran parte, transcorre por terras de Ames. Este primeiro tramo discorreu desde a praza do Obradoiro ata a Ponte Maceira, xusto antes de entrar no Concello de Negreira.
Os participantes nesta segunda etapa do Camiño Real percorrerán as terras dos veciños de Negreira o vindeiro sábado 21 de decembro, gozando da gran paisaxe natural que ofrecen estes quilómetros coa saída dende Ponte Maceira.
Hai 50 prazas dispoñibles e as persoas interesadas en participar poderán inscribirse á actividade no seguinte formulario ata o vindeiro mércores, 18 de decembro, ás 14.00 horas. Tamén se pode acceder ao formulario escaneando o código QR que aparece no cartel do programa. Terán prioridade para participar as persoas empadroadas no Concello de Ames.
De novo, volverá a ofrecerse servizo de autobús que sairá desde os dous núcleos urbanos do concello. Sairá ás 9:00 horas desde a Casa da Cultura do Milladoiro e desde a Casa da Concello de Bertamiráns ás 9:15 horas.