- Tematica
O Concello de Ames, a través da Concellaría de Educación, lembra que está aberto o prazo para a solicitude de axudas para a promoción de actividades organizadas polas ANPAS durante o exercicio 2024. Para este fin destínanse un total de 20.000 euros. Premendo nesta ligazón pódense consultar as bases desta liña de axudas xunto cos anexos da solicitude.
Poden optar a estas axudas as ANPAS existentes nos centros educativos de Ames, legalmente constituídas, e que figuran inscritas no rexistro municipal de asociacións, sempre e cando os datos da inscrición estean debidamente actualizados no momento de solicitar a achega. Ademais, as ANPAS deberán non estar incurso/a en ningún dos supostos aos que se refiren os apartados 2 e 3 do artigo 13 da Lei 38/2033, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións; estar ao corrente das obrigas coa Axencia Tributaria, coa Seguridade Social e co Concello de Ames; e non ter pendente a xustificación dalgunha subvencións anterior, a non ser que lles fose concedida unha prórroga.
Os conceptos subvencionables son os de viaxes culturais, actividades extraescolares, organización de encontros e xornadas, mobiliario, material didáctico, e actividades que fomenten a conciliación da vida laboral e familiar durante as xornadas lectivas. Os gastos obxecto de subvención deberon efectuarse no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2024 e o 31 de decembro de 2024.
Entre os obxectivos principais desta convocatoria de axudas son enriquecer a formación da poboación escolar en Ames, a través de actividades complementarias á formación regrada que reciben nos centros educativos; promover a convivencia da poboación escolar fóra do ámbito puramente académico; e propiciar a mellora do rendemento por parte do alumnado.
Contía individual das achegas
O importe individual das subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria non poderá superar o 80% do proxecto subvencionable nin o límite máximo establecido segundo a categoría que corresponda ao centro ao que pertenza a ANPA.
O importe máximo da subvención estará determinado polo número de alumnos/as do centro educativo: as axudas a ANPAS dos centros públicos de máis de 500 alumnos/as non poderán superar os 3.000 euros; as dos centros de entre 150 e 500 alumnos/as non superarán os 2.000 euros; mentres que aquelas que recaian en centros de menos de 150 alumnos/as non poderán superar os 750 euros.
Presentación de solicitudes
As solicitudes deberán presentarse a través da Sede electrónica do Concello de Ames, mediante os modelos normalizados que se inclúen como anexos á convocatoria. Igualmente poderán presentarse no Rexistro electrónico do Punto de Acceso Xeral do Estado (REC), ao que se poderá acceder dende o enlace dispoñible na Sede electrónica do Concello de Ames.
O prazo para a presentación destas solicitudes é dun mes a contar dende o día seguinte á publicación do extracto das convocatorias no BOP, que saíu publicado o xoves 9 de maio. Deste xeito, o prazo de solicitude vai dende o venres 10 de maio ata o luns 10 de xuño.