A Concellaría de Xuventude facilita así que todos os mozos e mozas amesáns que o desexen poidan obter o título de monitor/a de tempo libre, que é unha formación útil e que abre numerosas portas de cara á inserción laboral. Ademais, capacita para deseñar, programar e pór en práctica distintas actividades socioculturais e de ocio orientadas á infancia, á mocidade, aos maiores ou ás persoas con necesidades especiais. Os contidos que se imparten abarcan áreas como a psicoloxía, as dinámicas de grupo, os xogos no tempo libre, a expresión, a educación ambiental, a saúde, a lexislación...
O curso ten unha duración de 350 horas, e consta de dúas partes. Por unha banda, ofrecerase unha formación de carácter teórico-práctica de 200 horas, mentres que o segundo bloque, de 150 horas, é integramente práctico. A primeira parte desenvolverase, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas, durante as fins de semana. Neste bloque, o alumnado deberá asistir obrigatoriamente a un 80% das sesións. De non facelo, perderá o dereito a ser avaliado pola escola de tempo libre. Os criterios que serán valorados para puntuar aos participantes do curso na parte teórico-práctica son os seguintes: actitude, grao de implicación e interese, capacidade de reflexión, pensamento crítico e perspectiva educativa e traballo personalizado e individual.
150 horas de práctica
Por outra banda, o segundo bloque, dunha duración de 150 horas, responderá a un proxecto elaborado polo alumnado. Existen dúas modalidades de realización: 14 días nunha actividade de tempo libre (en campamentos, colonias, albergues, campos de traballo... así como noutras iniciativas, sempre en períodos non inferiores a tres días); ou ben en 150 horas de actividade nunha entidade ou asociación que traballe áreas que teñan relación co tempo libre.
Unha vez rematada a fase teórica, o alumnado ten dous anos para levar a cabo a parte práctica, e estará sempre acompañado por un titor ou titora que se fará responsable das súas prácticas, e que estará designado pola entidade receptora.
Neste bloque práctico, todos os alumnos e alumnas deberán entregar un breve proxecto de prácticas coa programación que deseñen (antes de comezar a realizalas). Así mesmo, unha vez rematen as 150 horas, deberán presentar unha memoria de elaboración propia e individual, que conteña unha síntese da súa experiencia nas distintas actividades realizadas (valoracións xerais e particulares, memoria fotográfica...). O titor ou titora de prácticas tamén terá que emitir un informe no que se confirme que o proxecto foi realizado de maneira satisfactoria.
Unha vez rematadas a fase teórico-práctica e o bloque integramente práctico, o alumnado poderá solicitar á Xunta de Galicia o seu título oficial, previo pago das taxas de expedición.
Inscricións e pagamento
As prazas do curso son limitadas (deberá haber un mínimo de 15 participantes e un máximo de 25), e asignaranse por rigorosa orde de inscrición no rexistro municipal. Os/as mozos/as interesados/as deberán presentar a ficha de inscrición que se pode atopar premendo nesta ligazón debidamente cumprimentada, unha fotocopia do DNI e unha fotocopia da súa titulación académica (como mínimo deberase estar graduado/a en EXB, FP, ESO ou equivalentes). O prazo de presentación de solicitudes comprende dende o día 15 ata o 21 de febreiro.
Todos aqueles/as que obteñan praza recibirán por correo electrónico unha folla de autoliquidación para aboar o pagamento do curso. O custe total é de 172 euros, que se poden pagar integramente (do 24 ao 28 de febreiro) ou ben en dous prazos: 100 euros do 24 ao 28 de febreiro e outros 72 euros do 1 ao 5 de marzo.