- Tematica
O obradoiro “En galego, co teu acento!” volve un ano máis para achegar a lingua e a cultura galega a unha parte da veciñanza procedente de fóra de Galicia ou que por diferentes motivos non tivo oportunidade de coñecela. Coa colaboración das concellarías de Normalización Lingüística e Benestar Social, o curso está dirixido principalmente a persoas procedentes de fóra de Galicia, pero tamén a calquera outra persoa interesada na lingua e na cultura galega.
O curso, basicamente práctico e participativo, ten unha duración de 30 horas e desenvolverase en horario de mañá, os luns, os mércores e os venres, cun total de 15 sesións de dúas horas. Primeiro será a quenda de Bertamiráns, que celebrará o obradoiro dende o 14 de marzo ata o 13 de abril, no Pazo da Peregrina, das 9:30 ás 11:30 horas. No Milladoiro, o obradoiro desenvolverase do 20 de abril ao 25 de maio, na Casa da Cultura, das 9:00 ás 11:00 horas. Ao remate das sesións entregarase un diploma de asistencia.
As persoas interesadas no obradoiro de lingua e cultura, “En galego, co teu acento!” poden inscribirse de balde na actividade dende hoxe ata o xoves 10 de marzo. As inscricións formalizaranse entre as 9.00 e as 14.00 horas no Servizo de Normalización Lingüística municipal, situado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou na oficina do Servizo de Atención ás Persoas Migrantes situada nas Oficinas Xerais do Milladoiro (rúa de Abaixo, número 10). Quen non poida achegarse presencialmente, pode inscribirse chamando por teléfono ao número 662 377 215. As prazas son limitadas e adxudicaranse por orde de inscrición.